III Asemblea da Marea de Vigo

Publicado por o día 28/01/2015 na sección de Marea Vigo,Política

III Asemblea da Marea de Vigo

-Convocatoria: día 29 de xaneiro á 20:00 h no café «De catro a catro».

Os gravísimos problemas sociais causados pola crise económica, a corrupción xeralizada dos grandes partidos, xunto con actitudes autoritarias, antidemocráticas e represivas, como sucede en Vigo co alcalde actual, requiren de todas e todos unha resposta unitaria e contundente.

  A Marea de Vigo convoca a súa III asemblea xeral pra o día 29 de xaneiro no café «De catro a catro», na que se debaterán dúas cuestións esenciais: a fórmula legal pra concorrer ás eleccións e o protocolo de primarias abertas.

Na xuntanza dos grupos de Planificación e Comunicación do día 20 de xaneiro acordouse darlle a esta III asemblea xeral da Marea un carácter especial de relanzamento do proceso iniciado en agosto de 2014, co obxectivo de lograr a máxima participación e integración de todas aquelas persoas, asinantes de manifestos afíns ou activas noutras plataformas cidadás, que queiran sumarse á Marea.

Movementos veciñais e asociacións reivindicativas están chamados así mesmo a participar nesta asemblea do día 29, co fin de acadar neste proceso cidadán unha dimensión global e transversal que lle dea un maior pulo e poña sólidos alicerces pra unha candidatura de confluencia fronte aos partidos do réxime.

Nos debates da asemblea poderá participar quen queira, e pra exercer o dereito ao voto será necesario unicamente acreditarse como asinante do manifesto da Marea. O horario de acreditacións será dende as 19:30 ata as 20:25 h no propio local do café «De catro a catro».

PRENSA ASAMBLEA MAREA DE VIGO