A III semana da educación de Tomiño encherá o auditorio de Goián

UNHAS 300 PERSOAS PARTICIPARÁN DO 19 AO 22 DE FEBREIRO NUNHAS XORNADAS QUE AFONDARÁN NA MOTIVACIÓN DO ALUMNADO, NO BULLYING, NA EDUCACIÓN NA ADOLESCENCIA E NAS NORMAS E LÍMITES

Grandes expectativas arredor da Semana da Educación de Tomiño, que chega á súa terceira edición co aforo completo. Unhas 300 persoas inscribíronse nesta ocasión para asistir a unhas xornadas que reunirá do 19 ao 22 de febreiro no auditorio municipal de Goián a catro destacados expertos que afondarán na motivación do alumnado, no bullying, na educación na adolescencia e nas normas e límites.

Baixo o lema ‘Da casa á escola: ferramentas para unha educación eficiente’, a Semana da Educación busca visibilizar a importancia da educación na sociedade, unha firme aposta do Concello de Tomiño, que leva anos traballando para mellorar as capacidades e habilidades do alumnado, sempre dun xeito integral e involucrando a todos os axentes implicados.

Destacados conferenciantes

Durante catro días catro destacados profesionais do mundo da comunicación, a psicopedagoxía e a investigación afondarán en diversos aspectos da educación. Javier Cebreiros, doutor en Comunicación e socio do espazo de innovación social ‘Impact Hub Vigo’ e da empresa InfoJC, será o encargado de inaugurar a semana de conferencias o luns 19 de febreiro. Durante a súa intervención falará sobre a ‘Comunicación con emoción: a motivación está sobrevalorada’, na que a través de ferramentas prácticas, anécdotas e datos científicos ponse en valor a capacidade de elixir a actitude a adoptar en cada momento.

martes 20 de febreiro será a quenda de Alba Alonso, que chegará coa sua charla sobre ‘O bullying de xénero ou cando o mundo rosa/azul tórnase negro’. Especialista en maxisterio e cofundadora de RealKiddys, un proxecto para promover a igualdade de xénero entre a infancia, Alonso concienciará aos presentes sobre o estado actual do bullying en aulas e fogares e ofrecerá varias ferramentas para actuar contra os diferentes tipos de acoso escolar.

O educador social e mestre na Universidade de Barcelona Carles Vila será o protagonista na terceira xornada da Semana da Educación, o mércores 21 de febreiro. Con máis de 19 anos de experiencia traballando con mozos e mozas, a través da charla ‘Como escoitamos e miramos ás persoas adolescentes?’ promoverá a reflexión sobre os condicionantes cos que as persoas adultas miran ás persoas adolescentes e como isto inflúe nos procesos de educación.

O peche das xornadas será a cargo de María Hidalgo xoves 22 de febreiro coa conferencia sobre ‘Claves educativas para empoderar ás familias: como consensuar normas e límites esenciais’. Licenciada en Comunicación Audiovisual e máster en Cultura de Paz, Conflitos, Educación e Dereitos Humanos, Hidalgo dividirá a súa conferencia en catro bloques para falar das habilidades esenciais que os rapaces e rapazas deben de aprender fóra das aulas, dos riscos de educar dende o medo en lugar de dende o respecto, das prácticas nocivas na educación que se lle da aos fillos e fillas e da importancia do establecemento de normas e límites.

Todas as conferencias serán ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

Programa completo premendo aquí.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM