A imaxe, protagonista do XXI Maratón Fotográfico Concello de Vigo e do II Concurso de Narración Fotográfica

Ambos certames foron presentados este venres no Consistorio polo concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, e polos seus responsables: Jesús Nieto e Susana Santeiro, que convidaron á cidadanía a sumarse cos seus retratos. O Maratón e o Concurso únense neste 2016 para incrementar a participación e co fin de expoñer as obras de forma conxunta na Casa das Artes.
Publicado por o día 02/12/2016 na sección de Concello de Vigo,Cultura,Vigo

A imaxe, protagonista do XXI Maratón Fotográfico Concello de Vigo e do II Concurso de Narración Fotográfica

O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, destacou o compromiso do goberno municipal co mundo da imaxe durante a presentación dos dous certames, que este ano se unen buscando “sinerxías co elemento común da imaxe, tendo así maior capacidade de chegar á xente e maior peso das dúas actividades”.

Jesús Nieto, presidente da Agrupación Fotográfica Galega, agradeceu o apoio municipal e salientou a experiencia do Maratón Fotográfico Concello de Vigo que, nesta vixésimo primeira edición, terá como eixo central a cidade arredor de catro temas amplos que se darán a coñecer o propio día do concurso: o 10 de decembro. Os participantes terán 24 horas para realizar os seus retratos con tres controis ao longo da xornada.

Pola súa parte, Susana Santeiro, responsable do II Concurso de Relato Fotográfico apuntou que a temática é libre e que os participantes deberán achegar entre 3 e 5 imaxes que conten unha historia, nunha convocatoria aberta a todos os públicos. O prazo de envío remata o 13 de xaneiro.

Os traballos resultantes de ámbolos certames, que recibirán un premio económico, expoñeranse conxuntamente na Casa das Artes no vindeiro 2017.