Implicación da veciñanza na campaña ‘CANGAS EN NEGRO’

Por o 22/10/2017 | Sección: Cangas,Galicia
Implicación da veciñanza na campaña ‘CANGAS EN NEGRO’

Dende a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade estase traballando de cara a campaña Cangas en Negro, que se vai celebrar dende o venres 17 ao domingo 26 de novembro na nosa vila. Esta acción, ao igual que o ano anterior, está destinada a tinguir as rúas de negro para mostrar todo o noso rexeitamento ás violencias de xénero. A día de hoxe, xa hai máis de 130 colectivos anotados para participar, entre os que se inclúen tendas, agrupacións de comerciantes e de restauradores, restaurantes, asociacións, clubs deportivos ou sindicatos. A nivel galego hai 56 Concellos e tres Deputacións anotadas.

Desde o Concello quérese resaltar que esta acción non está pechada aos colectivos citados, senón que o obxectivo a conseguir é a implicación de toda a veciñanza de Cangas. A forma de facelo é que, durante as datas mencionadas, se colguen dos balcóns, das fiestras, das portas,… roupa negra ou calquera obxecto negro. A campaña ofrece unha liberdade total para que cada quen faga as súas propias accións (sempre coa cor negra de fondo).

A nivel municipal, todas as persoas que o desexen poden dirixirse ao correo ennegro@cangas.gal para anotarse e estar informadas de todas as novidades da campaña.

Ademais, está a disposición da poboación a páxina web www.ennegrocontraasviolencias.gal. Nela existe un subforo de ideas, onde se comparten as accións doutras vilas ou persoas, de forma que entre todas as participantes se poña en común o traballo feito. Tamén hai un apartado de descargas onde está dispoñible todo o material da campaña.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.