Inaugurada a nova depuradora de Portas financiada pola Deputación de Pontevedra con máis de 200.000€

O deputado provincial Santos Héctor informou no acto que Portas acaba de completar o 100% dos investimentos do Plan Concellos 2018
Publicado por o día 08/11/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Inaugurada a nova depuradora de Portas financiada pola Deputación de Pontevedra con máis de 200.000€

O deputado provincial Santos Héctor, xunto ao alcalde Víctor Estévez, asistiu este xoves á inauguración da nova depuradora que Portas puido financiar a través do Plan Concellos 2017 cun investimento da Deputación de Pontevedra de 212.789,19 euros.

Tal e como explicou Santos Héctor durante o acto esta nova depuradora de leito bacteriano ten capacidade para beneficiar a 1.000 habitantes e a súa instalación levou aparellada diferentes actuacións como a mellora do acceso á parcela, a urbanización do interior da parcela con acabado vexetal e a colocación dunha caseta auxiliar para cadros eléctricos e un almacén. Amais tamén instalouse un peche perimetral con valla metálica e un portón de acceso. Pola súa banda o alcalde de Portas, Víctor Estévez, explicou que “a nova depuradora, a primeira no concello, é un importante investimento que vai supoñer moita más limpeza”.

Na visita, o deputado provincial tamén informou que “este ano, co Plan Concellos, Portas tivo a súa disposición 648.353,74  euros, o que supón un incremento do 74,61% respecto ao 2017, e que xa foi adxudicado o 100% das actuacións que solicitou o concello”. Con estes investimentos de 2018 Portas poderá levar a cabo a adquisición de equipamento urbano (14.961,65 €), a adquisición de equipamentos para parques infantís (5.967,16 €), o saneamento de augas residuais e pluviais na Igrexa e Outeiro (47.572,23 €), o saneamento de augas pluviais en Rapeira (42.217,12 €), o saneamento de augas pluviais en Xagobe-Vilavedra (25.855,36 €), a pavimentación en Xagobe-Vilavedre, Repeira e Oututeiro (47.029,05 €), saneamento de augas residuais en Romai Vello e Outeiriño (42.752,16 €) e o saneamento de augas residuais en Xagobe-Vilavedra (30.435,58 €).

No que respecta á Liña 2 adxudicáronse 36.040,74 euros para amortización de débeda e coa Liña 3 de emprego o concello de Portas recibiu 85.596,77 euros para a contratación de 10 traballadores e traballadoras.

En canto ao total de investimentos do goberno de Carmela Silva no que vai de mandato no concello de Portas, Santos Héctor explicou que “estamos a falar en tres anos de preto de dous millóns de euros, outro dato máis que demostra que a colaboración da Deputación cos concellos está a dar moi bos resultados”.