Incidencias de diversa consideración debido ás fortes choivas e tormentas na zona de Lugo e Ourense

Publicado por o día 09/09/2018 na sección de Sucesos

Incidencias de diversa consideración debido ás fortes choivas e tormentas na zona de Lugo e Ourense

O 112 Galicia rexistrou onte incidencias de diversa consideración por mor das fortes choivas e tormentas que tiveron lugar na zona de Lugo e Ourense.

Ao fío das 18:20 horas, un desprendemento de terra no termo municipal lucense de Negueria de Muñiz impediu a circulación a varios vehículos na estrada que une Barantes e Foxo, á altura de Barcela. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os ocupantes dos turismos, dous menores e catro adultos, foron recollidos por dous vehículos do persoal de incendios.

Está previsto que durante o día de hoxe se desprace ata o punto unha máquina escavadora para restablecer a circulación na vía e que as persoas poidan retomar a marcha nos seus vehículos.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da chamada dunha persoa particular e, decontado, o persoa do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e do servizo de mantemento da estrada.

Por outra banda, as precipitacións provocadas polo episodio de treboadas ocasionaron anegamentos en diferentes puntos da cidade de Ourense sen que se rexistrasen danos persoais.

Varios particulares contactaron co 112 Galicia ao fío das 19:30 horas da pasada tarde para alertar de varios baixos comerciais anegados na Avenida Marcelo Macías, así como caída de árbores, arquetas levantadas por mor da acumulación de auga e inundacións nas rúas Río Arnoia e Avilés de Taramancos, nas Avenida de Marín, de Santiago e Otero Pedrayo ou na ponte da Valenzá a Marcelo Macías.

Deste xeito, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Ourense e da Policía Local.