Incorporación de Miguel Barros no proxecto de Compromiso por Galicia de Vigo

Publicado por o día 10/08/2014 na sección de Compromiso por Galicia,Política

Incorporación de Miguel Barros no proxecto de Compromiso por Galicia de Vigo

Compromiso por Galicia anuncia a volta á politica activa de Miguel Barros, exdeputado no parlamento galego, exconcelleiro no concello de Vigo e referente histórico do socialismo galeguista.

Henrique Macías, voceiro local en Vigo de Compromiso por Galicia, informou a través de nota de prensa que o coñecido político tomou a decisión e o reto de participar activamente na política local a través da Executiva viguesa de Compromiso. Esta incorporación, xunto con outras anteriores, fortalece o novo proxecto galeguista de cara ás vindeiras eleccións municipais do 2015, nas que Compromiso por Galicia ten grandes espectativas en todo o territorio galego ao contar entre a súa militancia con referentes coñecidos e valorados pola cidadanía.

Miguel Barros é licenciado e doutor en Ciencias Políticas, foi militante do PSOE desde 1978 até 2006, cando abandonou o partido decepcionado por non poder realizar política dende unha óptica galega, sendo até entón un dos líderes do sector galeguista do PSdeG, deputado no Parlamento de Galicia (1981-1993), concelleiro vigués e secretario comarcal do PSdeG en Vigo. Asimesmo foi un dos fundadores do Movemento de Mestres de Pontevedra, que espertou a mobilización social do maxisterio nos anos finais do franquismo.

Miguel Barros incorporase de novo á vida activa política coa intención de colaborar na expansión do novo proxecto de Compromiso por Galicia e coa ilusión de poder realizar por fin un xeito de facer política dende o amor a Galicia e a Vigo, nun proxecto novo con ilusión de chegar á maioría da sociedade dende unha visión realista dos problemas actuais. Para Compromiso por Galicia o paso dado por Miguel Barros exterioriza a intención de ser este o lugar de encontro dos galeguistas e progresistas galegos preocupados sinceiramente polo futuro do País e polos problemas diarios da cidadanía, sin egoismos partidistas nin intereses persoais.

A traxectoria vital de Miguel Barros é un exemplo da política que quere facer Compromiso por Galicia, e a súa experiencia e o traballo que desenvolva a partir de agora será unha base fundamental para mostrar outro xeito de facer política, moi distinta ao que estamos habituados polo Partido Socialista, o Partido Popular ou o Bloque Nacionalista Galego.