A Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo conseguirá nos vindeiros días a súa inscrición definitiva no rexistro comunitario

En breve, o Diario Oficial de Unión Europea publicará o regulamento polo que se fai a inscrición, dando por finalizado este proceso que comezou no ano 2014
Por o 12/12/2017 | Sección: Cangas,Galicia,Xunta de Galicia
A Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo conseguirá nos vindeiros días a súa inscrición definitiva no rexistro comunitario
Compartir en:

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde con representantes da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo, onde lles adiantou que está previsto que nos vindeiros días o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicará o regulamento pola que se aproba a protección da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Ribeiras do Morrazo”.

A conselleira explicoulles que, logo de superar o exame da Comisión europea e tras ser publicada a solicitude de rexistro o pasado 5 de agosto de 2017 no DOUE, sen que se producise ningunha oposición, a Comisión procederá ao rexistro de “Ribeiras do Morrazo” como nova indicación xeográfica protexida. Ángeles Vázquez agradeceu todo o traballo e esforzo que lle supuxo ao sector consolidar o seu produto, dando así por finalizado un proceso que comezaba no ano 2014.

Cómpre sinalar que, o pasado mes de marzo, a Consellería do Medio Rural activou a protección nacional transitoria, que fixo posible que os viños da colleita deste ano 2017 poidan contar xa coa etiqueta da IXP “Ribeiras do Morrazo”.

A indicación xeográfica protexida “Ribeiras do Morrazo” aplícase aos viños dos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa, todos eles na provincia de Pontevedra. Son viños brancos e tintos con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.

Viticultura minifundista

Na actualidade, estímase que a superficie potencialmente produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo estaría entre 1.000 e 1.500 hectáreas, sendo a variedade de uva máis representativa a albariño. Porén, para a elaboración destes viños tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.

Segundo o Rexistro vitícola de Galicia, nesta zona hai 25.414 viticultores, que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo, datos que indican que se trata dun territorio cunha viticultura minifundista onde boa parte da produción é para autoconsumo. No relativo as instalacións de elaboración, actualmente hai sete adegas nesta área xeográfica.

A posta en marcha desta nova indicación xeográfica supón unha oportunidade para a modernización e o crecemento do sector elaborador, xa que o mercado do viño céntrase cada vez máis nos produtos de calidade certificados.