“Inditex non quere garantir empregos senón aproveitar os peches das tendas para recortar os nosos dereitos”

Persoal de Uterqüe Santiago secunda hoxe o segundo día de folga para esixir recolocacións con garantías

As traballadoras da Uterqüe en Santiago de Compostela (que Inditex pechará definitivamente este domingo) secundan este venres a segunda xornada de folga para esixir recolocacións sen perda de dereitos. Con motivo do paro, as traballadoras van realizar unha concentración ás 12:30h diante da tenda situada na rúa Doutor Teixeiro e posteriormente, ás 13h, a CIG ten convocada outra mobilización no Zara Home dar/República do Salvador, por este mesmo motivo.

Na reunión que tivo lugar onte pola tarde coa dirección da empresa “volveu quedar patente que a Inditex non lle interesa garantir os postos de traballo, senón aproveitar estes peches para recortar os dereitos que fomos adquirindo a través da loita ao longo destes anos”, denuncia Carmiña Naveiro, a secretaria de Acción Sindical da CIG-Servizos, delegada da CIG e traballadora de Zara.

Explica que a empresa se nega a garantirlles as traballadoras afectada polo peche os calendarios, a xornada ou incluso a categoría, rebaixándolle así as retribucións e impóndolles realizar quenda de tarde en exclusiva, “o que constitúe un ataque directo á conciliación, que tanto se gaba Inditex de respectar”.

Subliña que “estamos falando de persoas que levan entre oito e dezaoito anos na empresa, que van ser recolocadas en Zara sen que se lle respecten as súas condicións mínimas e ás que se que lles quere impor os peores horarios de toda a cadea, pois non hai ningunha traballadora das tendas de Inditex que faga sempre tardes”.

O obxectivo, que as traballadoras pidan a baixa voluntaria

En realidade, o grupo de Amancio Ortega vende que hai un acordo asinado con CCOO e UGT en Madrid para manter o emprego, pero ao non garantirse ningún dereito, nin sequera os calendarios ou que os traslados sexan na mesma localidade ou nunha próxima, o que vai acontecer é que as traballadoras acaben renunciando ao seu posto por non poder asumir estas novas condicións. “O que ofrece Inditex é unha chantaxe que ten como obxectivo que as traballadoras pidan a baixa voluntaria”, advirte a representante sindical.

Por iso, Naveiro xa adianta que a folga de Uterqüe Santiago é a primeira, “pero haberá máis” se Inditex non senta negociar un acordo que realmente permita manter os dereitos laborais e salariais de todo o persoal afectado polos peches das tendas. De feito, hoxe mesmo hai concentración diante do Zara Home da r/República do Salvador, onde van ser recolocadas as compañeiras da tenda das Cancelas que vai pecha.

“Xa hai moito tempo que dende a CIG vimos denunciando que a xente das tendas somos o último eslabón da cadea, e que a precarización no grupo vai ligada ás tendas. O que está facendo Inditex é aproveitar a escusa pandemia para meter man nos nosos dereitos, a pesar de estar rexistrando beneficios”, critica. Neste senso, Carmiña Naveiro asevera que “nos parece moi ben que Inditex queira cambiar o seu modelo de negocio, pero non pode facelo a conta dos nosos dereitos”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM