INEO reúne ao seu consello Consultivo para realizar unha reflexión sobre o estado actual e os retos do sector TIC galego

A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia reuniu hoxe en Vigo ao seu órgano asesor, presidido por David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, para debater sobre as necesidades e inquietudes das tecnolóxicas galegas
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Eventos

INEO reúne ao seu consello Consultivo para realizar unha reflexión sobre o estado actual e os retos do sector TIC galego
A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO) celebrou esta mañá na sede de Zona Franca en Bouzas a reunión do seu Consello Consultivo. Un encontro que estivo presidido polo Delegado do Estado, David Regades, e que contou coa participación dos membros da Xunta Directiva de INEO, encabezada polo seu presidente, Luís Sestelo, e formado por destacadas personalidades de diferentes ámbitos empresariais, financeiros e das tres universidades galegas.
 

Apoio do Consorcio da Zona Franca de Vigo ao sector TIC

 
Na súa intervención, o Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, recolleu un dos temas que máis preocupan no sector como é a retención do talento, manifestando que desde o Consorcio “imos facer un apoio e unha aposta directa ao sector TIC para reter o talento que sae das nosas universidades e para captar novos talentos para facer aínda máis se cabe competitivo o sector”.
 
Ademais, comprometeuse con INEO a “facer unha aposta decidida para conseguir aumentar a capacidade das exportacións das empresas galegas TIC, que xa se incrementaron 10 puntos desde o ano 2008”.
 

Sector TIC galego con maior dimensión, máis colaboración e especialización

 
Pola súa banda, Luís Sestelo, presidente de INEO, comezou a súa intervención poñendo en valor a INEO, asociación que naceu cando apenas existía identidade propia do sector tecnolóxico e que axudou a definilo ao longo destes anos defendéndoo e promocionándoo. Tamén manifestou a importancia de contar cun órgano como o @Consello Consultivo que reforza a estratexia de INEO coa presenza de representantes de diferentes ámbitos socio-económicos de Galicia.
 
O Presidente de INEO destacou a importancia de gañar en dimensión para poder competir no mercado internacional e mesmo como forma de reter talento en Galicia, así como a necesidade de especializarse e de aumentar a colaboración empresarial entre as TIC galegas.
 
En canto ao papel das asociacións empresariais, Luís Sestelo salientou que nelas o máis importante son sempre as empresas e que debemos evitar caer en personalismos. Respecto a isto, destacou tamén a importancia de que as asociacións representen o ecosistema da realidade das empresas galegas, “aquelas en as que a toma de decisións fanse en Galicia”.
 
Ademais, animou ao sector para “pensar en grande”, xa que “en Galicia temos as vimbias suficientes para poder competir con éxito no ámbito internacional, só fai falta que nolo creamos e colaboremos para traballar en todos os actores galegos no mesmo sentido”. Por último, destacou que “para traballar globalmente hai que focalizarse no coñecemento e o talento, e non nos espazos físicos ou localizacións en que estes se atopen. Sendo o mellor sempre saes no mapa”
 

Consello Consultivo de INEO

 
Á reunión desta mañá, que presidiu David Regades, tamén asistiron representantes das seguintes entidades e institucións autonómicas: a Confederación de Empresarios de Galicia, o Consello Galego de Cámaras, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o Centro Tecnolóxico Gradiant, e das entidades financeiras Abanca e Banco Sabadell Galego
 
O Consello Consultivo de INEO é un órgano de carácter asesor que se reúne para realizar unha reflexión conxunta das necesidades do sector TIC e das inquietudes que poidan ter outros sectores e a sociedade en xeral respecto
 
ao mesmo. Este encontro tamén serve á entidade galega para trasladar asuntos de especial relevancia para o sector e obter recomendacións sobre as mesmas.
 

Sobre INEO

 
A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia é a patronal do sector das tecnoloxías da información, comunicación e electrónica en Galicia ( Teic). Está conformada por máis de medio centenar de empresas e é a entidade encargada de velar polos dereitos e intereses do sector, de fomentar a competitividade das empresas que a conforman e de posicionar a súa tecnoloxía estimulando a súa adopción noutros sectores empresariais.