Inés Vidal redeseña coa hostalería as terrazas do Paseo Matutino

Publicado por o día 03/10/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

Inés Vidal redeseña coa hostalería as terrazas do Paseo Matutino

A concellería de Comercio, Hostalería e Consumo que dirixe Inés Vidal comeza a rolda de reunións cos hostaleiros do Paseo Matutino para o redeseño das terrazas. Coa intención de obter un deseño uniforme e acorde ás modificacións da ordenanza municipal, Inés Vidal traballa da man dos oito hostaleiros do primeiro tramo do Paseo Matutino para que, o antes posible, poidan inaugurarse unha vez rematadas as obras.

As obras de mellora do Paseo Matutino marcarán a liña estética a seguir concordando coas directrices da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” financiada cos fondos FEDER da UE. Unha cidade sostible na que as persoas conten e fagan uso dos espazos públicos son algúns dos obxectivos desta estratexia que deseña unha cidade cívica, transitable e participativa.

Seguindo o modelo de participación marcado por este goberno, a concelleira de Hostalería busca o consenso e implicación dos hostaleiros no afán de ofrecer servizos e instalacións máis atractivas e competitivas que atraian á clientela e que procuren a calidade.