Información sobre a proxección en Vigo do documental ANGROIS NO ESQUECEMENTO

Publicado por o día 17/03/2015 na sección de Vigo

Información sobre a proxección en Vigo do documental ANGROIS NO ESQUECEMENTO

A Aula Magna do Colexio Salesiano María Auxiliadora, en Vigo, acolle este xoves a proxección do documental ANGROIS NO ESQUECEMENTO, unha obra sobre o accidente do tren Alvia o 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela, no que faleceron 81 persoas e houbo máis de 140 feridos. O documental acaba de ser nominado entre os catro finalistas nos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.

O acto que terá lugar o día 19 de marzo ás 19h. está organizado polo Sindicato Ferroviairo Intersindical e ao remate da proxección haberá un coloquio no que participarán representantes do Sindicato e do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, que realizou a película.

Ano e medio despois da traxedia do Alvia 04155 en Angrois, as vivencias persoais e as interrogantes sobre porqué descarrilou o tren aquel 24 de xullo seguen no pensamento dos que lles tocou estar alí. Vítimas, familiares, profesionais dos servizos de urxencia e persoas anónimas que colaboraron no rescate son a única voz deste documental de testemuñas. Intentan ir superando aquela data, recordando os seus, mentres acusan as institucións de facer todo o posible para deixar Angrois no esquecemento sen esclarecer a verdade.

Despois do desconcerto dos primeiros momentos, as vítimas e as familias seguen a loitar pola creación dunha comisión de investigación no Parlamento na que se depuren as responsabilidades políticas deste caso. Esixen que se reparen os danos causados e que se garanta que se tomarán todas as medidas necesarias para evitar que un accidente semellante poida ocorrer.

O documental Angrois no Esquecemento está narrado por unha vintena de voces que, con repouso e reflexión, intentan asimilar e explicar o que supuxo nas súas vidas a traxedia do Alvia: familiares que se esmeran por superar as ausencias que deixou o accidente; superviventes que loitan coas secuelas físicas e psicolóxicas daquela data; profesionais que admiten como se viron superados pola magnitude da traxedia, e que narran o que tardaron en asimilar xornadas interminables de traballo nas que perderon a noción do tempo; e veciños e persoas anónimas que se botaron ás vías sen pensalo e a quen converteron en heroes sen eles buscalo.

O colectivo audiovisual Lentes Diverxentes comeza a súa andaina coa idea de contribuír ao cambio dunha sociedade na que hai voces que non se chegan a escoitar. Ese é o proxecto dun grupo de catro persoas que, de xeito desinteresado, altruísta e autofinanciado trata de sacar á luz problemáticas sociais desde o punto de vista de quen as padece.

O acto consistirá na proxección do documental e un posterior coloquio entre os asistentes e os membros do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, que realizou a película.

Máis información na páxina: angroisnoesquecemento.com

(As imaxes, vídeos e audios que aparecen na web poden empregarse libremente para a difusión desta información en calquera medio de comunicación.)

FICHA TÉCNICA

ANGROIS NO ESQUECEMENTO

– Guión e Dirección: Emilio Carral e Susana S. Recouso

– Imaxe: Marcos Budiño e Fran Piñeiro

– Música: Kevin MacLeod

– Produción: Colectivo audiovisual Lentes Diverxentes

Datos de contacto:

– Enderezo electrónico: [email protected]

Teléfonos: 

– Emilio Carral: 630629379

– Susana S. Recouso: 649508731

PRENSA LENTES DIVERXENTES / SF-INT