Infraestruturas inicia as obras de reposición da xunta de dilatación da ponte da Illa de Arousa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que esta obra permitirá mellorar a seguridade viaria desta infraestrutura
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Galicia,Vilagarcia,Xunta de Galicia

Infraestruturas inicia as obras de reposición da xunta de dilatación da ponte da Illa de Arousa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a ponte que une esta localidade con Vilanova de Arousa, de cara comprobar a posta en marcha dos traballos de reposición da xunta de dilatación desta infraestrutura.

O delegado territorial estivo acompañado por dous concelleiros da Illa de Arousa, Alfonso Salgado e Luis Arosa, así como polo xefe territorial de Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díez e polo xefe da Axencia de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Tal e como explicou o delegado territorial, a Xunta de Galicia investirá máis de 18.500 euros para a substitución e reparación dunha das xuntas de dilatación desta ponte que, durante o verano, veuse afectada polo desprendemento dunha peza metálica.

Estas obras, que se efectúan no punto quilométrico 3+630 da PO-307, forman parte dun conxunto de sete obras de substitución e mellora de xuntas nun total de cinco estradas, catro delas no Salnés e na PO-534 no alto do Candán en dirección a Lalín. En total, a obra conxunta rolda os 48.400 euros.

Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, no caso da Ponte da Illa de Arousa, a xunta de dilatación que será substituída é a que se atopa máis preta á entrada á localidade. “Esta peza estaba deteriorada polo paso o tempo. Trátase dunha xunta moi especial debido a particularidade desta infraestrutura. Estas xuntas, unha a cada lado da ponte, contan con 50 centímetros de movemento, cando o normal soe ser de 5”, engadiu.

De feito, as outras seis xuntas que se van a substituír noutras estradas da comarca do Salnés e a Canda son “máis sinxelas, duns 5 centímetros de movemento”, explicou Antonio Pulido, xefe da sección de Conservación e Explotación da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra. No Salnés executaranse melloras na PO-548 en Carril, chegando a ponte do ferrocarril e na PO-305, antes de chegar ao polígono do Pousadoiro, así como na variante de Vilagarcía, na VG 4.7.

Volvendo á Ponte da Illa, unha empresa especializada comprobou durante o verano a situación da xunta de dilatación de cara a garantir a seguridade viaria dos coches que diariamente transitan por esta estrada.

Os traballos que comezaron hoxe suporán a substitución dos fol da xunta, incluíndo todos os elementos necesarios, cun sistema de adaptación coa xunta existente e rebaixe do formigón da lousa. “As obras terán unha duración de entre dez días e dúas semanas, cortándose o tráfico esta semana nunha dirección e a próxima noutra, e regulándose a través dun semáforo, polo que solicitamos a colaboración dos condutores para que os traballos poidan rematarse o máis axilmente posible”, matizou o delegado territorial.

“Decidimos comezar a obra nesta época, xa que no período estival a circulación de vehículos pola Ponte da Illa de Arousa se incrementa notablemente, e sería problemático levar a cabo cortes de tráfico. De feito, agardouse ata o remate da Festa do Marisco do Grove, xa que aumentou o número de visitantes á comarca”, matizou Cores Tourís.