O ingreso medio dos fogares galegos medrou un 4% en 2016 e supera a barreira dos 2.000 euros mensuais, segundo o IGE | Ti que opinas?

A Enquisa Estrutural a Fogares mostra unha mellora da situación económica doméstica e unha baixada do número de familias con dificultades a fin de mes
Por o 29/12/2017 | Sección: Economia
O ingreso medio dos fogares galegos medrou un 4% en 2016 e supera a barreira dos 2.000 euros mensuais, segundo o IGE | Ti que opinas?

O ingreso medio dos fogares galegos aumentou en 2016 un 4%, ata situarse nos os 2.007 euros, o que supón o cuarto ano consecutivo no que medra este indicador económico e o primeiro en que se logra superar a barreira dos 2.000 euros desde 2009. Así o recolle a última Enquisa Estrutural a Fogares, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este estudo analiza a composición, a situación económica e o gasto que realizan os fogares de Galicia.

A enquisa do organismo estatístico da Comunidade Autónoma mostra unha mellora da situación económica doméstica, que trouxo consigo unha redución do número de fogares que chegan con dificultade económica a fin de mes. Este indicador baixou 3,2 puntos, ata situarse no 49,5%, a cifra máis reducida desde antes da crise. Tamén é o segundo ano consecutivo no que mellora este indicador.

O estudo do IGE mostra igualmente que a taxa de risco de pobreza ou exclusión social de Galicia baixou 2,2 puntos en 2016, ata o 20,3%, mentres que o número de fogares con carencia material severa tamén baixou o pasado ano, do 6,6% en 2015 ao 5,3% en 2016. En ambos casos, Galicia tamén vén mostrando unha mellor evolución que a media española, segundo reflicten os distintos estudos do Instituto Nacional de Estadística.

Menos desigualdade

O organismo estatístico galego constata nesta enquisa que en 2016 tamén houbo unha importante diminución da desigualdade, tal como reflicte o indicador de distribución da renda S80/S20. En 2016, este indicador –que pon en relación o quintil máis rico e menos rico da poboación– baixou ao 4,16, o que supón unha redución de 3,4 décimas sobre o ano anterior. Ademais, o resultado é practicamente o mesmo que o de 2009 (4,13)

En canto aos gastos máis importantes que asumen as familias galegas, o estudo mostra que o 18,8% dos fogares en Galicia afronta unha hipoteca da vivenda principal, cun gasto medio de 395 euros ao mes, mentres que o 12,8% dos fogares reside nunha vivenda de aluguer, cun gasto medio mensual de 303 euros. En todo caso, o estudo indica que en 2016 baixou o número de fogares que teñen hipoteca, mentres que aumentou o dos que viven en aluguer.

Respecto da fonte dos ingresos, a recuperación do mercado laboral trouxo consigo un incremento dos fogares cuxa principal fonte de ingreso é o traballo, que pasou do 52,8% en 2015 ao 54,4% en 2016. Pola contra, os fogares cuxa principal fonte de ingreso son as prestacións baixaron do 44,7% ao 43,7%, e o 1,9% restante ten como fonte de ingreso principal as rendas e outros ingresos.

Composición dos fogares

Segundo esta enquisa, a tipoloxía de fogar máis habitual en Galicia segue sendo o conformado por unha parella con fillos (32,3%), que diminúe lixeiramente respecto ao ano anterior (33,2%). A continuación, a segunda tipoloxía máis frecuente é a dun fogar cunha parella sen fillos (24,1%), que se incrementa sobre o ano anterior (23,2%); mentres que os fogares unipersoais pasan do 21,7% de 2015 ao 21,2% do 2016.

O resto dos fogares galegos son monoparentais (10,4%), están formados por un núcleo e outras persoas (6,9%), dispoñen de varios núcleos (3,3%) ou carecen de núcleo (1,9%). Ademais, o 22,4% dos fogares galegos está conformado exclusivamente por persoas de 65 ou máis anos, mentres que no 5,8% deles só viven persoas menores de 35 anos.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.