Iniciadas as clases de poesía e cultura galega no Centro Galego de Barcelona

Son impartidas polo Premio Nacional de Literatura Gonzalo Hermo.
Publicado por o día 29/10/2019 na sección de Cultura

Iniciadas as clases de poesía e cultura galega no Centro Galego de Barcelona

O Centro Galego de Barcelona iniciou as clases de Poesía e de Cultura galega, novidades da programación de actividades da entidade para o presente curso. A decisión da directiva do Centro de poñer en marcha estas clases responde, por unha banda, ao interese que concede ao afondamento no coñecemento da cultura de Galicia e, por outra, á petición de moitos socios de programar un obradoiro de poesía, tras as actividades puntuais que sobre ese ámbito desenvolvéronse na entidade hai uns meses.

As clases de poesía preséntanse como unha panorámica da tradición poética galega, desde a poesía medieval ata os nosos días, e teñen como eixo central o comentario conxunto de poemas representativos de cada etapa. Paralelamente, desenvolverase un taller de escritura poética onde os alumnos irán escribindo e expoñendo os seus propios poemas guiados polas indicacións do profesor. En canto á cultura galega, o curso vén completar os contidos do de Lingua Galega que se imparte tradicionalmente no Centro con outros sobre Historia e Literatura.

En ambos os casos, as clases son impartidas polo poeta Gonzalo Hermo, Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova “Miguel Hernández”. Galego residente en Barcelona, Gonzalo Hermo é licenciado en Filoloxía Galega e doutor en Lingüística Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. É autor das obras poéticas “A vida salvaxe”, “Celebración” e “Crac”, as dúas primeiras traducidas ao catalán e a segunda tamén ao castelán.

Ademais do Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova, “Celebración” valeulle o premio da Asociación Española de Críticos Literarios. Foi galardoado tamén co Premio de Poesía Afundación, en 2018, por “A vida salvaxe” e co Premio Xuventude Crea, da Xunta de Galicia, por “ Crac”. Así mesmo, obtivo o Premio Fin de Carrera da Xunta ao mellor expediente académico pola súa licenciatura en Filoloxía Galega.

Comentar noticia

Your email address will not be published.