Iniciadas as obras de mellora do contorno da Casa do Concello de Mos

Dita optimización permitirá a integración da zona do aparcadoiro e do cemiterio municipal de Petelos na área da Casa Consistorial
Publicado por o día 13/05/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Iniciadas as obras de mellora do contorno da Casa do Concello de Mos

Acaban de comezar as obras de execución do proxecto de mellora que permitirá a integración da zona do aparcadoiro e do cemiterio municipal de Petelos na área da Casa Consistorial.

Os traballos, recén iniciados, foron visitados esta mañá pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polo concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso; quenes informaron de que os labores que se están a acometer nestes intres, e que se prolongarán durante unha semana, son de movementos de terra.

Estes movementos de terra que están a ser realizados, son supervisados e controlados por dous arqueólogos, xa que o contorno no que se está a actuar está protexido por Patrimonio.

Unha vez rematados os traballos de movemento de terras procederase á execución da cimentación dos muros e, cando os devanditos muros xa se atopen levantados, iniciaranse os labores de pavimentación; tal e como explicaron os representantes municipais na súa visita matinal ás obras.

A actuación enmárcase dentro do convenio de colaboración firmado entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a rexedora municipal, Nidia Arévalo, dentro do Plan Hurbe e polo que a Xunta investirá máis de 385.000 euros.

Segundo o convenio rubricado, a actuación responde ao programa de humanización de rúas e urbanización e mellora de espazos públicos. Deste xeito, con esta obra se mellorará a calidade de vida dos máis de 15.000 veciños e veciñas do municipio sendo o obxectivo final o de integrar estes espazos na contorna, apostando pola humanización que rodea a Casa Consistorial.

No que se refire ao aparcadoiro, executarase unha área superficial como continuación da Praza do Concello na que se atopa a Igrexa de San Mamede de Petelos e prolongarase o pavimento e plantarase céspede, dando unidade ao conxunto e permitindo usos puntuais diversos cando sexa necesario (festas patronais, manifestacións relixiosas, etc.).

Tamén se delimitará o acceso rodado e peonil ao cemiterio de Petelos, achegando comodidade aos veciños ao mesmo tempo que se mellora o aspecto visual do contorno.

Trátase da terceira actuación que se executa neste concello a cargo do Plan Hurbe, pois en 2010 levouse a cabo o acondicionamento e pavimentación da contorna da igrexa de Santa Eulalia, cun investimento de preto de 95.000 euros; e en 2015 executouse a reposición dun muro de contención en A Rans, na parroquia de Tameiga, cun investimento de 45.000 euros. Así, o investimento desatinado ata a data en Mos a través deste programa achégase aos 525.000 euros.

Mediante esta actuación lograrase o acondicionamento do aparcadoiro e accesos ao cemiterio no barrio de Reguengo, parroquia de Petelos, co fin  de valorizar a área da contorna do cemiterio para integrala e interaccionala coas edificacións que a confinan (Casa do Concello, Igrexa de San Mamede e Cemiterio), de xeito que finalmente apareza como unha actuación unitaria, que consiga fiar mediante un único cordón umbilical, que é o aparcadoiro actual e a praza ou atrio da igrexa, as edificacións e os espazos que arredor del se articulan.

O programa da actuación contempla a reorganización de todo o entorno, dotando e  cualificando os usos, ordenando o aparcadoiro e os accesos ao cemiterio. En primeiro lugar tense en consideración a topografía do terreo, que tomándoa como aliada, permítenos graduala conseguindo, segundo explicaron hoxe Alonso e Arévalo, os obxectivos de “reducir o impacto visual do talud actual, permitir o acceso exterior graduado ás diferentes plataformas e niveis do cemiterio, acceso rodado e peonil cómodo á parte superior do cemiterio, manter acceso á casa reitoral e parte superior en ruínas e contención e saneamento da cota alta do monte”.

As obras consistirán fundamentalmente na renovación do pavimento ao redor, garantir o acceso ao cemiterio a persoas con discapacidades, e integrar a actuación no conxunto edificatorio Igrexa-Casa do Concello, co fin de que o espazo dispoñible hoxe en día creza e poda desprazar o seu epicentro de xeito que se arrede o máximo posible da agresión sufrida anos atrás coa construción da autovía, xeradora de ruídos e fumes, en suma, provocadora da ausencia de confort nos edificios e espazos exteriores de relación.

Este proxecto leva redactado dende o ano 2009 e ata o de agora non lograra financiación. A rexedora local asegura que se trata dunha obra que dá resposta a unha serie de demandas veciñais dos habitantes desta zona da parroquia de Petelos. Sobre isto a rexedora local explicaba hoxe que “co pavimentado da área destinada a aparcadoiro xa se mellorou moito o contorno do Concello pero era necesario continuar a optimización desta zona e, ademais, unha esixencia do Bispado incluída no convenio de cesión da antiga Casa Reitoral para habilitala como Centro de Día”. En dito convenio especifícase o deber por parte da administración local de asumir o mantemento da zona, así como preservar a contención de terras do talud existente.

No proxecto inclúense entre outras melloras a creación de áreas verdes e a acometida do firme. Ademais o deseño baséase nunha fórmula mediante a que quedan completamente integradas as zonas superior (onde se atopa o Centro de Día) e a inferior (onde se sitúan o Concello, o cemiterio e a Igrexa de Petelos) creándose un todo harmónico que representa o contorno da Casa Consistorial mosense e que se trata dunha zona moi transitada por ser unha importante área de concentración de servizos municipais.

A parte máis ambiciosa desta actuación céntrase nos accesos ao cemiterio. Para iso proponse recolocar o acceso á casa parroquial, mellorando a circulación no aparcadoiro e permitindo mediante o novo viario acceder tanto en vehículo como peonilmente aos niveis superiores do cemiterio.