Inician as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada provincial que coincide co camiño da costa en Baiona

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez amósase satisfeito do proxecto final, xa que o sendeiro terá 2,5 metros de ancho a pesares da negativa inicial de Patrimonio
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Baiona,Galicia

Inician as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada provincial que coincide co camiño da costa en Baiona

A nova senda peonil e ciclista que percorrerá un quilómetro ao longo das estradas provinciais EP-2203 e EP-2202 que pasan pola parroquia de Baredo coincidindo co Camiño da Costa a Santiago en Baiona comeza xa a ser unha realidade. O departamento de Mobilidade da Deputación, a través da construtora Narom SL, vén de iniciar as obras, que estarán finalizadas na primavera se non hai complicacións coa climatoloxía.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez manifestou a súa satisfacción pola saída adiante deste proxecto logo dos varios atrancos que sufriu. Destacou, sobre todo, que o novo sendeiro poderá ter un ancho de 2,5 metros, algo que o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia inicialmente non permitía. A Deputación de Pontevedra, lembrou o nacionalista, defendeu en todo momento a necesidade destas dimensións por cuestións de accesibilidade e mobilidade amable, xa que a zona de Baredo é moi transitada pola veciñanza (xa que hai diferentes equipamentos nas inmediacións) e por grupos de persoas peregrinas que ata o de agora tiñan que transitar pola propia calzada coa conseguinte inseguranza viaria, xa que a estrada carecía de beiravías.

Benítez explicou que o inicio dos traballos estaba previsto para finais do 2018, pero que decidiuse adialo para despois das festas de Nadal dada a mala climatoloxía de primeiros de decembro e o parón posterior por vacacións das empresas da construción. A actuación comezou agora co movemento de terras na ladeira interior, xa que é preciso ampliar a sección da vía para incorporar a nova senda. Dado que hai moita rocha na zona prevese que esta parte do proxecto sexa a máis complexa.

De forma global, as obras consisten na construción da mencionada senda dun quilómetro de lonxitude e 2,5 metros de largo, dun miradoiro e dun área de repouso no lugar de Monte Alto –que se acondicionará con bancos e outro mobiliario urbano para poder contemplar a badía e as Illas Cíes-, así como dunha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible que calmará o tráfico ata os 30 quilómetros hora con varios redutores físicos de velocidade de vehículos, coñecidos popularmente como ‘lombos’.

Segundo asegura Benítez, esta actuación en Baiona segue os novos criterios de Mobilidade da Deputación co fin de priorizar os tránsitos peonís e ciclistas fronte á circulación motorizada. “Queremos poñer ás persoas no centro das nosas actuacións, por iso potenciamos un espazo natural espectacular facendo que o tráfico de vehículos non supoña un perigo para a xente, tanto para a veciñanza que camiña pola zona, como para aqueloutra xente que fai un percorrido turístico e terá un moi agradable espazo de contemplación da paisaxe”.

O investimento final nesta actuación, financiada ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello segundo o convenio asinado en xuño de 2017, será de 297.304,85 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.