Inician unha campaña para fomentar a mobilidade en bicicleta ás praias de Vigo

VIGO CICLABEL, conformado polas asociacións A Golpe de Pedal, ConBici, Verdegaia, ADEGA, Greenpeace Ecoloxistas en Acción, Vigo Histórico, Mulleres Bicivisibeis e Fridays for Future lanzamos a campaña “Á praia en bici” co fin de potenciar durante este verán o uso da bicicleta como medio de transporte nos desprazamentos ás praias de Vigo.

Unha rede de itinerarios ciclistas seguros na cidade

Co fin de potenciar os desprazamentos en bicicleta á zona de praia, as devanditas entidades ciclistas e ecoloxistas agrupadas en VIGO CICLABEL solicitamos a creación de vías ciclistas seguras conectadas entre si, así como outras medidas destinadas á pacificación do tráfico. Esta campaña complementa á proposta realizada o pasado mes de Biciminuto, un mapa de redes ciclable en toda a cidade para fomentar os desprazamentos diarios en bicicleta.

Deste xeito propoñemos crear corredores ciclistas na avenida de Europa, na avenida de Samil e na avenida de Beiramar, dedicando un carril de ida e outro de volta á mobilidade exclusivamente en bicicleta. Ademais solicitamos implementar ciclocarrís na rúa Tomás Alonso, rúa Camilo Veiga, avenida da Atlántida, avenida da Florida, rúa de Tomás Paredes, rúa do Río e rúa de Canido, mediante a redución da velocidade máxima a 30km/h en todos os traxectos, e a colocación de lombos na calzada como medida de pacificación do tráfico rodado a motor.

A súa vez, a campaña aposta por reducir o número de estacionamentos para coches nas principais praias da cidade como medida de disuasión do uso de vehículos a motor, ademais de habilitar puntos de estacionamento de bicicletas ao longo de todas as zonas de praia de Vigo. Esta medida, ademais, actuaría como regulador de afluencia e evitaría a masificación das praias de Vigo durante a “nova normalidade” causada pola emerxencia sanitaria da Covid-19. De xeito complementario, abogamos tamén polo aumento da frecuencia do transporte público, outra medida eficaz para reducir o uso de coches para ir á praia.

Por último, as entidades asinantes solicitan ao goberno municipal a realización dunha campaña proactiva que fomente os desprazamentos en bicicleta ás praias de Vigo, así como na mobilidade diaria na cidade.

A bicicleta: unha aliada co medio ambiente e contra a Covid-19

A campaña “á praia en bici” tamén pretende concienciar sobre os beneficios ecolóxicos de usarmos a bicicleta como medio de transporte na cidade. Durante o verán, a zona litoral de praias de Vigo, que abrangue principalmente desde Alcabre até Canido, é receptora de milleiros de desprazamentos de vehículos a motor co fin de realizar un uso recreativo dos areais da cidade. Esta afluencia masiva de persoas dá lugar a un aumento considerable do tráfico rodado a motor, incrementando as emisións atmosféricas, así como a contaminación acústica e os atascos. Ademais aumenta a accidentabilidade coa convivencia con outros medios de transporte como a bicicleta, xa que na actualidade, case todas as rúas e avenidas propostas dentro da campaña teñen límites de velocidade entre os 40 e 50km/h.

En plena emerxencia climática e ecolóxica, faise máis que necesario adoptar medidas urxentes que faciliten e potencien outros medios de mobilidade sostibles, como é a bicicleta. Polo mesmo motivo, tamén é preciso fomentar o uso do transporte público, así como incrementar o número de frecuencias e liñas dos autobuses urbanos da cidade.

Por último, tal e como están a apostar en numerosas cidades europeas, a bicicleta é unha grande aliada ante a emerxencia sanitaria. A bicicleta é o mellor medio de transporte individual para os desprazamento diarios dentro das cidade e vilas, xa que permite manter a distancia social, ademais de evitar atascos, contaminación e ruído. Por outra banda, é barata, rápida e accesible para grande parte da cidadanía. Polo tanto, a bicicleta amósase como unha aposta idónea para facer fronte tanto á crise sanitaria, coma a crise climática e ecolóxica.

  1. Implementar corredores ciclistas na avenida de Europa, na avenida de Samil e na avenida de Beiramar, dedicando un carril de ida e outro de volta á mobilidade exclusivamente en bicicleta. Reducir a velocidade máxima a 30km/h no carril para a circulación a motor.      
  2. Implementar ciclocarrís na rúa Tomás Alonso, rúa Camilo Veiga, avenida da Atlántida, avenida da Florida, rúa de Tomás Paredes, rúa do Río e rúa de Canido, mediante a redución da velocidade máxima a 30km/h en todos os traxectos e a colocación de lombos na calzada como medida de pacificación do tráfico rodado a motor.  
  3. Reducir o número de estacionamentos para coches nas principais praias da cidade como medida de disuasión, e habilitar puntos de aparcamentos de bicicletas ao longo de todas as zonas de praia de Vigo.
  4. Realizar campaña de fomento de mobilidade activa en bicicleta ás praias por parte do concello de Vigo, como medida para evitar a masificación das praias durante a emerxencia sanitaria.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM