Inícianse as obras de mellora dos aparcadoiros, firmes e beirarrúas dos Centros Hospitalarios Públicos de Santiago

Os traballos, que supoñen un investimento de 460.000 euros, comezaron na noite deste luns no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago co desmontado dunha zona na que existe un terraplén para habilitar prazas de aparcadoiro
Publicado por o día 28/07/2020 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Santiago,Xunta de Galicia

Inícianse as obras de mellora dos aparcadoiros, firmes e beirarrúas dos Centros Hospitalarios Públicos de Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora dos aparcadoiros, firmes e beirarrúas dos centros hospitalarios públicos de Santiago. As actuacións, que suporán un investimento da Xunta próximo aos 460.000 euros, levaranse a cabo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), no Hospital Gil Casares, no Hospital Psiquiátrico de Conxo e no Hospital Provincial.

Concretamente, no CHUS e no Gil Casares levarase a cabo o fresado e reposición de firme en zonas localizadas, fundamentalmente naquelas onde presenta maior deterioro, e tamén se procederá á reposición de beirarrúas.

Estes traballos iniciáronse na noite deste luns nas inmediacións do CHUS, co desmontado dunha zona na que existe un terraplén co obxectivo de habilitala e destinala a aparcadoiro. Esta intervención, que se acomete en horario nocturno para evitar afeccións, está previsto rematala en catro noites. Nas seguintes semanas procederase á reparación de firmes no contorno deste centro hospitalario.

Ademais, mañá mércores, iniciaranse as obras de mellora no contorno do Hospital Provincial de Conxo que consistirán no fresado e reposición de firme en zonas localizadas, tamén reposición de beirarrúas e habilitación de aparcadoiros.

Concretamente, comezarase a aglomerar unha zona de aparcadoiro (a marcada no mapa explicativo como zona 1) e, paralelamente, tamén mañá pola mañá se fresarán outras dúas zonas dedicadas ao estacionamento para proceder, xa pola tarde, ao seu aglomerado (zonas 2 e 3 do mapa). Entre o mércores pola tarde e o xoves tamén se fresará e aglomerará a zona pendente (zona 4). Durante a realización destes traballos sempre se deixará un carril de circulación alternativo mediante sinalistas. Na seguinte semana están programados os traballos de sinalización horizontal.

As obras nos centros hospitalarios públicos de Santiago de Compostela veranse completadas coas intervencións que se realizarán no Hospital Psiquiátrico de Conxo en vindeiras semanas, consistentes na mellora do firme e na demolición e reposición do pavimento existente.

O obxectivo destas intervencións é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos dos centros hospitalarios na procura de favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións.

Todos estes traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. As obras están a executarse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios dos complexos, e mesmo a facerse en horario nocturno, para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

As actuacións están enmarcadas nos proxectos de mellora da accesibilidade que se están a impulsar nos principais centros hospitalarios públicos da provincia no marco dun contrato máis amplo, adxudicado á empresa Canarga, S.L., por un importe de máis de 825.000 euros. Deste xeito, as actuacións de mellora nos accesos acometeranse nestes centros hospitalarios públicos de Santiago pero tamén nos de Ferrol, Cee, Barbanza e da Coruña, onde está en plena execución a mellora dos accesos e aparcadoiros do Hospital Teresa Herrera da Coruña.

Comentar noticia

Your email address will not be published.