Iníciase en Nigrán a nova xira da obra ‘O valo’ para reflexionar sobre fronteiras e refuxio

Pallasos en Rebeldía creou este espectáculo teatral para os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación a partir dun texto do escritor Carlos Labraña.
Por o 20/04/2018 | Sección: Cultura,Galicia,Nigrán
Iníciase en Nigrán a nova xira da obra ‘O valo’ para reflexionar sobre fronteiras e refuxio

Promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas é a finalidade do espectáculo teatral ‘O valo’, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que esta fin de semana inicia una nova xira en Nigrán, concello que ostenta a Presidencia da entidade na figura do alcalde, Juan González. Será o sábado 21 de abril, ás 19 horas no Auditorio Municipal, no marco do 'Mes do Libro' que celebra en abril o Concello de Nigrán e está dirixida a un público familiar (ideal de 8 anos en diante). A representación dará comezo ás 19 horas, pero xa pola mañá, ás 12 do mediodía, terá lugar un contacontos na Praza do Concello a cargo do escritor de literatura infantil Miguel Ángel Alonso Diz.

Baseada no texto homónimo que recibiu o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, o obxectivo da obra é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxen, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. ‘O valo’ está escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.

Nigrán, Cambados, Barro, Silleda, Bergondo, Fene, Pontedeume, Valga, Verín, Oleiros e Burela son os municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que acollerán antes de finais de ano esta actuación, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Pallasos en Rebeldía defínese coma un espazo do teatro galego para traballar a cooperación internacional a través da risa. Xurdida nunha visita a Chiapas en 2004, considera que o clown desenvolve unha función protectora de valores sociais como a crítica, o dereito a rir que tamén teñen as persoas máis desfavorecidas ou a superación dos nosos complexos mediante a cura da gargallada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.