A iniciativa de En Marea, o Congreso aproba que se modifique a Lei franquista de 1972 e Audasa pague o 100% do IBI

Alexandra Fernández afirma que “a exención do 95% do IBI a Audasa é un castigo aos concellos. Un escándalo, un privilexio fiscal herdado da ditadura”
Por o 15/02/2018 | Sección: En Marea,Política
A iniciativa de En Marea, o Congreso aproba que se modifique a Lei franquista de 1972 e Audasa pague o 100% do IBI

A Comisión de Facenda do Congreso aprobou esta tarde, a instancias da deputada de En Marea, Alexandra Fernández, emprazar ao Goberno a modificar a lei franquista 8/1972 de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, para que Audasa sufrague o 100% do IBI aos concellos polos que pasa a AP-9.

A iniciativa, transaccionada co PSOE, aprobouse por 18 votos a favor, 14 en contra e 4 abstencións.

A parlamentar de En Marea chegou a un acordo transaccional co grupo socialista sobre a base da petición fundamental de eliminar estas bonificacións fiscais, e que inclúe un punto que pide que se apoie aos concellos polos que pasa a AP-9 nas acións que poidan levar a cabo na reclamación do pagamento íntegro do IBI. Finalmente, a transaccional recolle a necesidade de facer unha revisión íntegra da normativa de 1972, unha lei caduca.

Un escándalo, un privilexio fiscal herdado do franquismo

Alexandra Fernández explicou na Comisión “outro dos escándalos herdados da estrutura franquista que aínda seguen vixentes. Audasa e outras concesionarias foron beneficiadas en base á lei franquista 8/1972 de construcción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, estando exentas de pagar o 95% do IBI, so tributan o 5%”.

“Un privilexio fiscal procedente dos tempos da ditadura que segue a aplicarse a pesar de ser unha norma caduca que agasalla beneficios a unha empresa privada”, insistiu a deputada. 

Ademais, criticou a ampliación da concesión que fixo o Goberno do PP de Aznar até o 2048 utilizando a ironía: “O Goberno de Aznar sempre tan considerado cos intereses das empresas amigas, debeu considerar “insuficiente” a concesión a Audasa da AP-9”. Un favoritismo, puntualizou, “que continúa ao permitirlle incrementar abusivamente as peaxes este 2018”.

Os concellos os grandes prexudicados pola exención do pago do 95% do IBI a Audasa

Fernández lembrou que Audasa ten aínda até o 2023 para se beneficiar desta exención fiscal do 95% no pagamento do IBI.

“As autoestradas creadas a partires de 1989 non se benefician deste privilexio”, asegurou a deputada, que denunciou que Audasa leva anos sen compensar debidamente aos concellos polos que pasa dado o ridículo IBI que sufraga.

“A AP-9 pasa por 22 concellos de A Coruña e por 12 de Pontevedra. Abegondo é un dos municipios máis afectados polos beneficios fiscais do que desfruta a concesionaria. Calculan desde o consistorio que terían que ingresar case 600.000 euros ao ano, mais está a ingresar só 30.000 euros. Betanzos deixa de ingresar uns 500.000 euros anuais. Fíxense as perdas para as arcas municipais!”, exclamou a deputada. 

A deputada de En Marea explicou que os municipios de A Coruña terían que estar a percibir uns 5 millóns ao ano, e os de Pontevedra uns 4 millóns. No caso de Vigo, a bonificación permite a Audasa aforrarse cada ano uns 173.000 euros polos 9 quilómetros de autoestrada que pasa polo municipio.

Tamén aludiu ás acións emprendidas polos concellos de Abegondo e Betanzos diante da Comisión Europea, presentando unha denuncia por infración da normativa comunitaria posto que a UE podería consideralo axudas  públicas indirectas, vulnerando a normativa comunitaria como a autonomía local.

“O Tribunal de Xustiza da UE xa considerou a exención do IBI ao estaleiro Navantia en Ferrol como unha axuda pública ilegal. Polo tanto, advertiu, pode considerar que vulnera o artigo 107 do Tratado de Funcionamento da UE”, sinalou.

“Por qué non aforrarnos este proceso e proceder xa a cambiar a lei franquista?”, preguntouse.

Para a parlamentar de En Marea a exención do 95% do IBI a Audasa “constitúe un castigo para os concellos. Unha estafa para os galegos e as galegas que deben satisfacer sempre o 100% do IBI, pagar as peaxes da AP-9 e por riba non son compensados do impacto pola autopista. Estánse a roubar ingresos aos concellos, afectados polas políticas de imposición de recortes debido á obsesión do défice. Ingresos que poderían adicar a servizos públicos”.

Asemade, lembrou que o Parlamento galego aprobou a instancias de En Marea o 18 de xaneiro unha proposición para que se eliminen os beneficios fiscais á concesionaria.