Inicio da execución de beirarrúas na estrada PO-552 en Oia

Dotarase así dunha senda na marxe esquerda da estrada ao longo de 350 metros
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de Galicia

Inicio da execución de beirarrúas na estrada PO-552 en Oia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Oia para comprobar o inicio dos traballos de execución de beirarrúas na marxe esquerda da estrada PO-552.

Na visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Cristina Correa, así como polo xefe territorial de Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díez e o xefe da Axencia de Infraestruturas, Fausto Núñez.

A obra conta cun orzamento de 48.400 euros e un prazo de execución aproximado de tres meses. “Deste xeito, dende a administración autonómica damos cumprimento a unha demanda efectuada pola alcaldesa que ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria neste tramo urbano do municipio”.

O proxecto supón a execución dunha senda pola marxe esquerda da estrada entre os puntos quilométricos 33+910 e 34+240 para completar o itinerario peonil entre a escola infantil e a casa consistorial, na travesía de Oia. “Con estas obra poñemos en marcha os últimos 350 metros de beirarrúas que facilitarán o acceso a estes dous edificios”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial tamén destacou que xa, no pasado verano, a Axencia de Infraestruturas realizou, a través dun contrato de conservación, unha mellora superficial das beirarrúas xa existentes na marxe dereita desta travesía, ao longo de 250 metros.