Inma López Silva e Valter Hugo Mãe, protagonistas da nova sesión de Conversas Nortear

A xornalista Lara Dopazo Ruibal, gañadora do I Premio Literario Nortear, moderou o encontro, presentado polo secretario xeral de Cultura
Por o 31/03/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Pontevedra,Vigo
Inma López Silva e Valter Hugo Mãe, protagonistas da nova sesión de Conversas Nortear
Compartir en:

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou  a nova sesión das conversas Nortear, unha iniciativa para o intercambio cultural entre Portugal e Galicia a través da literatura que na xornada de hoxe tivo como protagonistas a escritora galega Inma López Silva e o escritor portugués Valter Hugo Mãe. A xornalista Lara Dopazo Ruibal, gañadora da primeira edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora, moderou a conversa, que tivo lugar na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra.

A actividade forman parte do programa Nortear, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal para estreitar lazos entre as culturas galega e portuguesa.

Inma López Silva e Valter Hugo Mãe

Escritora e crítica teatral, a galega Inma López Silva é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Membro dos consellos de redacción dalgunhas das revistas de teatro e de análise política e cultural máis importantes de Galicia, López Silva ten publicadas diversas obras sobre o teatro galego, xunto con e novelas e ensaios, que recibiron diferentes premios, entre eles o Xerais, o Murguía e o Blanco Amor.

Valter Hugo Mãe é un dos máis destacados autores portugueses da actualidade. A súa obra, que está traducida a numerosas linguas, mereceu unha prestixiosa acollida en varios países. Entre os galardóns que recibiu inclúense o Premio Literario José Saramago e o Gran Premio Portugal Telecom ao mellor libro do ano e á mellor novela do ano.

O primeiro encontro das Conversas Notear, que tivo lugar en 2015, contou coa participación da autora Ledicia Costas e do escritor portugués Pedro Guilherme-Moreira. Desde entón, participaron no programa outros nomes recoñecidos das literaturas galega e portuguesa, como son Ramón Caride, Antón Riveiro Coello, Ana Luísa Amaral e mais Olinda Beja.