Silva reivindica que “a sociedade non pode perder a intelixencia, o talento e a creatividade do 52% da poboación” na xornada “Inspira STEAM”

A presidenta da Deputación fixo fincapé na importancia de traballar “dende o berce” para rachar cos estereotipos e na necesidade de visibilizar ás grandes referentes existentes, ante a redución do número de mulleres nas carreiras STEM
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Silva reivindica que “a sociedade non pode perder a intelixencia, o talento e a creatividade do 52% da poboación” na xornada “Inspira STEAM”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu este mañá á xornada “Inspira STEAM 2019/2020” na Universidade de Vigo. Silva agradeceu o traballo desta iniciativa, á que cualificou como “unha gran acción que había que pór en marcha. A sociedade non pode perder a intelixencia, o talento e a creatividade do 52% da poboación e os datos falan por si mesmos. Non pode ser que en Galicia, nos últimos anos, estease a reducir en 12 puntos a presenza da muller en carreiras técnicas, pasando dun 36% a un 24%”.

“O 52% da poboación vive hoxe en situación de discriminación de toda índole, no mundo tecnolóxico, no mundo das STEM”, asegurou Carmela Silva. Neste eido, a presidenta recordou que “soamente o 7% das nenas de 15 anos pensa realizar estudos STEM ou que pese a ser máis do 54% das persoas na universidade, as mulleres soamente representamos o 25% das persoas matriculadas en enxeñería e arquitectura e mesmo o 12% en informática”.

A presidenta provincial afondou na necesidade de poñer en marcha actuacións para paliar a redución que se está a rexistrar, ano tras ano, no número de matrículas de mulleres nas carreiras STEM. “É fundamental traballar na educación primaria, que é unha etapa formativa esencial para darlles unha visión igualitaria do mundo. Todo comeza no berce, cando regalamos aparellos que teñen que ver coa innovacións aos nenos e bonecas ás nenas, temos que rematar cos estereotipos que obrigan ás mulleres a ir cara a carreiras sociais e sanitarias”, subliñou Carmela Silva.

Xunto ao traballo “dende o berce”, a presidenta da Deputación apuntou á necesidade de “visibilizar o traballo das mulleres, porque as nosas nenas necesitan referentes.As nenas teñen que coñecer a Ada Lovelace, Ángela Ruiz Robles, Pilar Careaga, Hedy Lamarr, Emily Roebling, Edith Clarke, Grace Hooper, Bonnie Dunbar, Beatrice Hicks, Ellen Swallow, Margaret Engels, Katherine Stinson, Katherine Hooper, mulleres que están detrás de avances tan importantes para a sociedade actual como Internet, o bluetooth, a programación o GPS ou os eBooks; acontecementos de tanta envergadura como a chegada do ser humano á lúa; elementos tan cotidianos na nosa sociedade como a luz sen cortes, os detectores de fume, o aire acondicionado ou os botes salvavidas; ou a construción de grandes obras da enxeñería como a coñecida ponte de Brooklyn, non serían posibles sen as mulleres”.

O proxecto “Inspira STEAM” está promovido pola Universidade de Deusto e na provincia de Pontevedra participan o CPI Cova Terreña (Baiona), o CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, Colexio Público Escultor Acuña, Colexio Público Ramón y Cajal e o Centro Privado de Ensinanza Santa Cristina (Vigo). Trátase dun proxecto pioneiro que busca fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as rapazas, baseado en accións de sensibilización e orientación a través de 6 sesións dirixidas a nenas de 6º de primaria que se desenvolverán ao longo do curso. Máis polo miúdo as sesións, tal e como explicou Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, “serán mentorizadas por mulleres profesionais da investigación, a ciencia e a tecnoloxía”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.