Instalación do primeiro composteiro comunitario do barrio de Eduardo Pondal

Veciños/as de distintas partes do barrio están recollendo sinaturas para pedir máis centros de compostaxe
Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Instalación do primeiro composteiro comunitario do barrio de Eduardo Pondal

O barrio de Eduardo Pondal-O Gorgullón avanza chanzo a chanzo na aposta pola compostaxe. Hoxe comezou a instalación da súa primeira central de compostaxe. Os traballos chegan após da petición dun composteiro comunitario por parte da Asociación de veciños Eduardo Pondal -avalada polo compromiso asinado de 44 familias-, tralo estudo técnico feito polas mestras composteiras e a luz verde dada polo Concello.

O primeiro composteiro comunitario do barrio estará instalado no cruzamento das rúas Eduardo Pondal e Teixoeira, unha localización próxima ás vivendas da veciñanza comprometida co proxecto.


O interese dos veciños e veciñas do eixo Eduardo Pondal-O Gorgullón vai máis alá deste composteiro como o proba o feito da existencia de varias iniciativas de recollida de sinaturas en marcha, por distintas zonas para demandar, chegado o momento, a instalación de outros composteiros comunitarios no barrio.

O pasado 9 de febreiro celebrouse no local social do Gorgullón unha reunión informativa sobre a compostaxe a que asistiron as mestras composteiras e os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña. Alí explicouse polo miúdo a aposta polo tratamento alternativo dos restos orgánicos que promove o Concello e mesmo diante do interese amosado animouse a veciñanza a canalizar a súa demanda de información e posibles peticións de novas centrais de compostaxe a través da Asociación de veciños Eduardo Pondal, subliñándose que toda petición terá que ir avalada (asinada) por un número suficiente de familias que garantan a súa viabilidade.

O Concello de Pontevedra está en disposición de atender e estudar as peticións de todos aqueles veciños ou asociacións que soliciten incorporarse á compostaxe como xa o fixeron noutros puntos do concello veciños de Campañó, Monte Porreiro, a Brilat ou o Campus universitario e nos últimos días o barrio de San Brais (Salcedo).