Instan as patronais das residencias privadas da terceira idade a aplicaren «decontado» a sentenza do TSXG

O alto tribunal galego deulle a razón a CCOO nun litixio que beneficia a milleiros de traballadores e traballadoras das residencias privadas
Publicado por o día 25/05/2020 na sección de CC.OO,Salud,Sanidad,Sindicatos

Instan as patronais das residencias privadas da terceira idade a aplicaren «decontado» a sentenza do TSXG

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia insta as patronais das residencias privadas da terceira idade a aplicaren a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que lle dá a razón a CCOO e declara o dereito dos traballadores e traballadoras do sector a gozaren de maneira real e efectiva, diferenciada e independentemente, dos descansos semanal (día e medio ininterrompidos) e diario (doce horas), sen que de ningún xeito poidan solaparse.

A sentenza do TSXG estima a demanda presentada por CCOO e outros sindicatos e recoñece o dereito a que os festivos traballados, de non seren retribuídos economicamente, sexan compensados con 1,3 xornadas laborais de descanso no suposto de acumulación coas vacacións anuais ou no caso de gozo independente ou acumulado inferior aos 12 días festivos. Do mesmo xeito, a decisión estipula que o descanso semanal e diario non se poden solapar, polo que as traballadoras e traballadores do sector deberán ter garantido un descanso mínimo de 48 horas continuadas cada semana.

CCOO, que leva moito tempo batallando polo cumprimento íntegro do artigo 38 do convenio colectivo das residencias privadas da terceira idade de Galicia, amosa a súa satisfacción por esta resolución. Foron dous anos de «longo camiño» de negociacións, reunións da comisión paritaria e incluso se chegou á mediación do AGA —o mecanismo galego para a resolución extraxudicial de conflitos— antes de acudir á Xustiza.

Así mesmo, CCOO critica as patronais polas «tentativas reiteradas» de suspender o xuízo, mesmo chegando a formular promesas «inconcretas» de negociar as condicións de traballo nun novo convenio —o vixente foi denunciado a finais de 2019.

«É unha dura derrota para as pretensións das patronais», sinala a Federación de Sanidade de CCOO, que lles esixe ás empresas que non recorran a resolución xudicial, «que é moi clara», e a apliquen «decontado», comezando polos calendarios de vacacións de verán. «Cremos que non se pode demorar esta compensación, xa que os traballadores e traballadoras acumulan un enorme cansazo debido á xestión da pandemia».

No caso de que finalmente as patronais presenten recurso, «entenderiámolo como unha estratexia máis para dilatar o conflito e obstaculizar a súa resolución, prexudicando os traballadores e as traballadoras». Nesta liña, CCO pide a mediación da Consellaría de Política social para que o departamento autonómico inste as empresas a executaren a sentenza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.