Integrantes de Down Vigo realizarán prácticas profesionais na Universidade

O acordo ten unha duración de tres anos prorrogables e senta as bases para futuros programas
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de Formación,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Integrantes de Down Vigo realizarán prácticas profesionais na Universidade

As e os integrantes de Down Vigo poderán realizar prácticas profesionais na Universidade de Vigo grazas ao convenio asinado este luns entre o reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da asociación, José Manuel García Orois. Ambos amosaron a súa satisfacción por acadar un acordo que lle permitirá aos beneficiarios deste programa de prácticas gañar experiencia no ámbito administrativo e noutros sectores vinculados aos servizos da UVigo.

A duración do convenio será de tres anos, prorrogable por períodos anuais, e agárdase que sente as bases para futuros acordos de colaboración. “A idea é continuar este convenio con outros acordos, pensando, por exemplo, na posibilidade de que se poidan facer prácticas de certas especialidades universitarias”, explicou García Orois, quen fixo fincapé en que nestes intres Down Vigo conta con máis de 70 persoas no programa de emprego con apoio e o número de integrantes en programas de formación é tamén moi amplo. “Grazas a este convenio e a moitos outros de integración, así como ao máis que meritorio traballo das persoas da Área de Emprego, estanse logrando resultados extraordinarios”, salientou o presidente da asociación, resaltando neste sentido, que na actualidade hai xa máis de medio cento de persoas traballando, “cos seus correspondentes contratos laborais, algúns incluso indefinidos”.

Prácticas dun mes e que poderán realizarse en diferentes servizos

As prácticas das e dos integrantes de Down Vigo na Universidade serán dun mes de duración e realizaranse nas propias dependencias universitarias. A UVigo comprométese a designar unha persoa que actuará como coordinador do programa e que supervisará a correcta aprendizaxe das persoas beneficiarias e, pola súa banda, Down Vigo facilitará un preparador laboral que será o responsable de formar ao participante na realización das tarefas, desenvolver actividades de comunicación e adaptarse ao ámbito laboral.

Segundo explicou a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, as prácticas levaranse a cabo, “en principio”, no Servizo de Deportes, Biblioteca Central, Extensión Universitaria e no SIE -Servizo de Información ao Estudante-. “Hoxe imos realizar unha visita a estes servizos e, se vemos que encaixan, faríanas directamente aí e, se non é así, buscaremos outros postos que se adecúen mellor”, recalcou Caparrini, quen tamén explicou que nos respectivos servizos os alumnos e alumnas estarán titorizados, tanto por unha persoa da propia Universidade como por outra de Down Vigo que será quen, “inicialmente”, os axudará a facerse coas características do seu novo posto ata que collan certa independencia para, xa logo, “realizarlle un seguimento cada dous ou tres días”, engadiron desde a asociación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.