“Intencionalidade evidente” nos recentes incendios

Publicado por o día 06/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Social,Sociedade Galega de Historia Natural

“Intencionalidade evidente” nos recentes incendios

O Presidente da Xunta de Galicia (12 anos no cargo) afirmou hai uns días que ve “unha intencionalidade evidente” nos recentes incendios de Ourense. Non é ningunha novidade: moitos levamos 45 anos dicindoo.

Tampouco é ningunha novidade dicir que a problemática dos lumes é a falta de “limpeza”, a escaseza de medios, as características do terreo ou mesmo a dificultade de acceso, o clima, etc.

Á vista da situación ano a ano, pódese afirmar que a problemática dos lumes forestais, en Galicia en xeral e en Ourense en particular, non está resolta. Todo o contrario, profundiza en multiplicidade de causalidades derivadas do nicho de negocio que o lume provoca.

Pero non debemos mesturar “churras con merinas”, pois unha cousa é a orixe dos lumes e a manifesta intencionalidade e outra, ben distinta, a xestión da extinción. Son asuntos que deben ser abordados de xeitos diferentes malia que a relación entre ambos é evidente. Coa experiencia dunha morea de anos, xa todos deberíamos ter claro que é imprescindible evitar como sexa (e na medida do posible) o inicio de calquera lume ou, en todo caso, controlalo o antes posible para reducir os riscos e danos potenciais do incendio.

O exemplo dos últimos lumes en Ourense

Os datos dos lumes na zona de Ourense máis afectada nos últimos días, recompilados pola Sociedade Galega de Historia Natural a partires de imaxes do satélite Copérnico, poden axudar a analizar a situación. Nos últimos 5 anos en esa área:

  • Arderon máis de 12.500 ha (un 20,4% da superficie amosada no plano).
  • Houbo 7 “grandes incendios” (máis de 500 ha cada un).
  • Dúas zonas queimadas hai menos de 3 anos volveron a arder estes días.

Zonas queimadas no S-SE de Ourense en 2015-2020

Do mesmo xeito, a foto aérea de detalle da área queimada a finais do pasado mes no incendio de Flariz amosa que a superficie está fragmentada por unha densa rede viaria, cun total de máis de 48 km de vías de acceso (case 7 km por cada km2 !!): 8,1 km de estradas, alomenos 36,8 km de pistas e camiños, e non menos de 3,5 km de devasas.

Incendio de Flariz (Monterrei, Ourense) o 24-07-2020

Preguntas sen resposta

Con estes datos, cabe preguntarse que sucede nesta comarca (e as outras de alta actividade incendiaria) para que se repita ciclicamente esta situación. As forzas e corpos de seguridade do estado, os investigadores dos incendios e os responsables das diferentes administracións deberan dar resposta a esta pregunta. Pero coa información destes dous mapas, está claro que a resposta:

  • Non é unha falta de medios económicos, pois o PLADIGA dispuxo dun orzamento de máis de 170 millóns de euros cada un dos últimos 5 anos, que gastou (pero non investiu) na loita contra os incendios forestais.
  • Non é unha falta de medios humanos e materiais, pois na extinción do lume de Flariz interviñeron 1 técnico, 13 axentes, 25 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros, 12 avións, e un centenar de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
  • Non é unha falta de infraestruturas de acceso, pois as 711 ha queimadas en Flariz están atravesadas por unha ampla rede de infraestruturas viarias que resultaron (case) inútiles: na meirande parte dos frontes o lume detívose nas valgadas húmidas.

Hai que aprender do pasado

Hai xa 230 anos, Manuel Barba y Roca escribiu que “Sempre que o propietario non teña interese en que haxa árbores na súa facenda, non bastará toda a vixilancia do Goberno para vixilalo”. As evidencias actuais indican que tampouco bastan todos os cartos e medios humanos e materiais do Goberno (de calquera goberno) para apagar os lumes con climatoloxía adversa. As predicións científicas apuntan a que o problema dos lumes se agravará co cambio climático, que xa temos aquí, e os “incendios de sexta xeración”.

para cambiar o futuro

Que máis ten que pasar para que cambien de estratexia na loita contra os incendios? A realidade xa demostrou sobradamente que as medidas miopes (ou interesadas) de máis cartos, máis pistas, máis brigadas, máis motobombas, máis medios aéreos, non funcionan. Para rematar cos lumes é preciso abordar a raíz sociolóxica, demográfica e económica do problema. Para rematar cos lumes hai que rachar o círculo infernal de lumes, máis sequidade, máis especies pirófitas e máis invasoras, máis “economía do lume”,… máis lumes.

Á vista de todo isto, só nos queda preguntar que novas medidas vai plantexar a Xunta de Galicia na loita contra a intencionalidade evidente dos incendios? Que vai cambiar para tratar de evitar o inicio dos lumes? Que novidades vai introducir nos labores de xestión da extinción ante iso que se da en chamar os incendios do século XXI?