Intolerable imprevisión na atención da Xunta ás vítimas de violencia de xénero

Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Política,PSOE

Intolerable imprevisión na atención da Xunta ás vítimas de violencia de xénero

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, advertiu hoxe que “da pánico” a “sensación de imprevisión” da xestión da Xunta da atención psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión logo de que o goberno galego deixara de prestar o servizo entre xaneiro e febreiro por non actualizar o convenio co Colexio de Psicólogos para elaborar informes psicolóxicos sobre as vítimas.

Vilán acusou ao conselleiro de Vicepresidencia de xestionar a atención ás vítimas “coma quen vai nun coche a pedais”. Criticou así que anunciara, en resposta a unha pregunta en Pleno no mes de marzo, que o servizo estaba consolidado cando a realidade era que fixeran os contratos aos psicólogos de forma urxente e por teléfono para comezar a traballar antes daquela sesión plenaria.

Ademais, explicou, trátase de contratos de un mes prorrogables outros 6, co que rematarán o próximo 1 de outubro. Reclamoulle hoxe ao goberno que faga efectivo o seu compromiso de incluír os postos de psicólogos na Relación de Postos de Traballo a partires de setembro para poder incluílos en plantilla e consolidar o servizo.

Apuntou que “non se pode xogar con este tema cando estamos a falar de mulleres e dos seus fillos e fillas que morren tódolos anos” e cualificou de “terrible” que tiveran que pasar dous meses sen atención polo desleixo do goberno galego, volcado “de forma impetuosa” na folga da Xustiza deixando “de lado” estas prioridades.