Inugurada a mostra da Deputación “Sorrisos transformadores”

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e a de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, abriron esta tarde a exposición, que poderá verse ata o día 23 de febreiro.

A exposición fotográfica do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS, “Sorrisos transformadores”, xa se pode visitar desde hoxe no multiusos de Chapela, en Redondela. As deputadas provinciais Isaura Abelairas e Digna Rivas, acompañadas pola concelleira de Muller e Igualdade de Redondela, María Teresa París Blanco, inauguraron a mostra “Sorrisos transformadores” de visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial no marco da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño, e que xa está dispoñible neste espazo, en horario de 16:30 a 20:30 horas. A mostra xa estivo exposta na entrada do Pazo provincial de Pontevedra desde finais de xuño ata mediados de outubro, e, posteriormente, exhibiuse en Rodeiro, Pontecesures e Santiago de Compostela.

A deputada provincial Isaura Abelairas lembrou que a mostra “Sorrisos transformadores” é “unha campaña de visibilización dirixida a toda a sociedade, xa que todas as mulleres e homes, todas as mozas e mozos, todas as nenas e nenos teñen que participar na prevención de actitudes e de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual e a identidade de xénero”.

Esta exposición nace como loita “á homofobia e a transfobia que están sumamente arraigadas en todas as sociedades”, unha circunstancia que, “combinada coa falta de información e formación”, constitúe “a base da violencia e discriminación exercida contra as persoas con orientacións sexuais, identidades e expresións de xénero non normativas ou cuxos corpos difiren do estándar socialmente aceptado dos corpos femininos e masculinos”, asegurou Isaura Abelairas.

A deputada provincial agradeceulle ao Concello de Redondela “acoller esta mostra, que continúa un percorrido que, a día de hoxe, me enche de orgullo poder xa dicir que fará paradas en máis de 20 vilas desta provincia”, e por sumarse ao obxectivo da Deputación de Pontevedra de que esta provincia “lembre que calquera tipo de violencia sobre este colectivo supón unha vulneración atroz dos dereitos humanos”. Neste sentido, Isaura Abelairas lembrou que tanto na Constitución (reiterada polo Tribunal Constitucional) como na Lei 2/2014 a nivel galego se establecen expresamente a orientación sexual e a identidade de xénero, entre outros, como aspectos garantidos no dereito á igualdade e á non discriminación, ademais de establecer a obriga que teñen os poderes públicos á hora de promover unha liberdade e unha igualdade efectivas.

“Sorrisos transformadores” é unha exposición fotográfica composta por dez imaxes. Esta campaña de visibilización positiva do colectivo LGTBI inclúe retratos de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta e van acompañadas, cada unha delas, dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna.

Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión, e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadores e educadoras, xuristas, políticos e políticas, psicólogos e psicólogas…

A exposición ten un carácter itinerante e de permanencia no tempo, para prolongar a reflexión por parte da cidadanía.”Sorrisos transformadores” nace co obxectivo de dar visibilización, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e as súas familias co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña complétase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.

Noticias de última hora en Vigo

culturadeputacion pontevedrasorrisos transformadores

SIGUENOS EN TELEGRAM