A investigadora Libe García Zarranz achega ao campus as teorías dos afectos dende perspectivas feministas

Docente na Universidade de Tronheim, estuda a intersección de literatura e arte e filosofía feminista e queer
Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

A investigadora Libe García Zarranz achega ao campus as teorías dos afectos dende perspectivas feministas

Libe García Zarranz ten unha ampla experiencia no estudo da relación íntima entre o xiro afectivo e os estudos feministas e decoloniais. Profesora da Norwegian University of Science and Technology en Tronheim, a investigadora presentou este martes na Facultade de Filoloxía e Tradución a súa perspectiva sobre os enfoques transdisciplinares das teorías dos afectos dende unha óptica de xénero. O workshop encádrase no programa de actividades docentes con perspectiva de xénero que impulsa a Unidade de Igualdade e estivo especialmente dirixido ao alumnado do grao en Linguas Estranxeiras, o mestrado e doutoramento en Estudos Ingleses Avanzados.

García Zarranz ofreceu unha introdución ás teorías dos afectos dende perspectivas interdisciplinares feministas, queer, trans, antiracistas e decoloniais. Comezou a presentación abordando as metodoloxías desenvolvidas dende estas perspectivas no ámbito das teorías dos afectos, para analizar despois textos breves paradigmáticos das figuras máis influentes, e os conceptos claves que ofrecen. Finalmente amosou algúns exemplos prácticos de análise de traballos multimedia e reflexionou sobre o impacto destas achegas na ética.


Investigadora do proxecto Cuerpos en tránsito

A investigadora da universidade de Tronheim é colaboradora do proxecto de investigación financiado polo Mineco Cuerpos en tránsito, que coordina en Vigo a profesora Belén Martín-Lucas. Nesta iniciativa interuniversitaria, expertos e expertas de España, Canadá, Portugal, Reino Unido, Irlanda e Estados Unidos céntranse nos efectos que as premisas neoliberais características da era posmoderna e a súa globalización teñen na conceptualización dos corpos como depósitos da diferencia.

Libe García Zarranz ten publicado numerosos estudos sobre xénero, afecto, ética e o corpo na literatura e o cine contemporáneos, analizando especialmente o traballo de Emma Donoghue, Dionne Brand, Hiromi Goto, Raymond Carver e Walt Disney. A súa conferencia tratou de introducir o persoal investigador e o estudantado nas principais premisas das teorías dos afectos nas súas múltiples ramificacións, incidindo nas achegas dos feminismos, teoría queer e aproximacións trans ás teorías dos afectos nos estudos culturais, estudos de cine e crítica literaria. Deste xeito, as e os asistentes puideron familiarizarse coas metodoloxías feministas, queer, trans, antirracistas e desoloniais e coñecer unha breve panorámica das figuras máis destacadas neste campo como Sara Ahmed, Audre Lorde, Lauren Berlant, Kathleen Stewart, José Esteban Muñoz, Lucas Crawford, Carolyn Pedwell e Sneja Gunew. Ao longo do seu relatorio introduciu tamén conceptos claves coma feminist killjoyangry Black womanpathogeographiesordinary affectsbrown feelingstransgender affecttransnational empathy ou decolonial emotions.