A investigadora viguesa Silvia García Méndez, premio Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación

A súa proposta é unha libraría para a xeración de linguaxe natural en castelán
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A investigadora viguesa Silvia García Méndez, premio Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación

A Fundación Vodafone vén de distinguir á investigadora Silvia García Méndez, do Grupo de Tecnoloxías da Información de AtlantTIC, cun dos premios Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación. O seu proxecto, titulado Librería para a xeración de linguaxe natural en castelán, foi presentado a pasada semana na fase final do certame xunto con outros cinco traballos finalistas de todo o Estado e resultou gañador na categoría Accesibilidade TIC. O obxectivo do seu traballo é facilitar a comunicación de persoas con trastornos na fala a través da xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. A investigadora da EE de Telecomunicación explica que esta era a primeira vez que se presentaba a un premio e recoñece que “o simple feito de ser finalista fíxome moita ilusión, pero ter obtido a distinción foi toda unha sorpresa e supón un apoio moi importante ao meu labor como investigadora e á miña tese de doutoramento”.

A librería, integrada na App PictoDroid Lite

A proposta que presentou conforma o seu traballo fin de máster e, como ela mesma explica, “consiste nunha adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración automática de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras”. Esta librería foi integrada no comunicador PictoDroid Lite, unha aplicación desenvolvida polos investigadores vigueses do proxecto Accegal, co-dirixido polo profesor Enrique Costa e, como apunta García, “deste xeito puidemos probar a súa funcionalidade e utilidade”. PictoDroid Lite é un comunicador pictográfico posto en marcha graza á colaboración durante varios anos entre o Grupo de Tecnoloxías da Información da Escola Enxeñería de Telecomunicación e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela. Trátase dunha aplicación para dispositivos Android que permite ás persoas con certos tipos de discapacidade que afectan á súa comunicación, como parálise cerebral ou autismo, comunicarse a través do uso de pictogramas, signos que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. Empregando pictogramas as e os usuarios poden expresar accións moi concretas e elaborando oracións sinxelas. A achega da investigadora Silvia García nesta aplicación permite que os nenos e nenas con problemas de comunicación seleccionan pictogramas “e a librería xera de forma automática unha frase en linguaxe natural, como falamos nós”, destaca.

15.000 euros e a participación no Mobile World Congress de 2018

A consecución deste premio para a investigadora viguesa supón unha achega de 15.000 euros e a posibilidade de participar no Mobile World Congress de 2018 e nos obradoiros de formación Campus CDTI. Sobre a experiencia de ter estado entre os seis finalistas e finalmente resultar gañadora, García cualifícaa como moi positiva e destaca que a “organización do premio foi excelente”. No referente á presentación do proxecto, recoñece que estaba moi nerviosa nos días previos e nos intres xusto antes de comezar a exposición pero “unha vez que comecei a falar todo foi sobre rodas”. O xurado, composto por máis de dez membros, acolleu “moi positivamente” a súa proposta e “plantexáronme preguntas e ideas moi boas”, explica. Na actualidade a investigación continúa traballando nesta liña de investigación, “mellorando a librería e estendendo a outros ámbitos de aplicación” para a súa tese de doutoramento.

Os Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación comprende dúas categorías, a de Accesibilidade TIC, onde se conceden dous premios a cadanseu proxectos que sexan de aplicabilidade a un ou a varios tipos de discapacidade (sensorial, cognitiva e/o física) e a de Solución social TIC, que premia o proxecto que presente a mellor solución de amplo impacto social que non sexa elixible na categoría anterior.