Investigadoras da UVigo analizan os parámetros biolóxicos e achegan ferramentas de xestión da navalla e cogombro de mar

Científicas do Grupo de Ecoloxía Costeira do CIM desenvolveron os estudos centrados na ría de Vigo
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Galicia,Mar,Universidade de Vigo,Vigo

Investigadoras da UVigo analizan os parámetros biolóxicos e achegan ferramentas de xestión da navalla e cogombro de mar

Dos 51 millóns de persoas que se dedican á pesca no mundo, estímase que 50 delas traballan na pesca artesanal, un sector que achega, segundo a FAO, case a metade da produción pesqueira mundial. Non obstante, a maioría de estudos científicos centráronse na análise da pesca industrial, deixando á marxe a artesanal. Isto implica que a maioría das pesqueiras de pequena escala non teñen a información detallada necesaria para aplicar os métodos de avaliación de stock máis comunmente usados nas ciencias pesqueiras, dando lugar moitas veces a unha xestión ineficaz ou inexistente. Precisamente para tratar de achegar ferramentas adaptadas para o uso en pesqueiras artesanais o Centro de Investigación Mariñas da Universidade de Vigo leva tres anos participando en dous proxectos de investigación liderados polo CIMA-Consellería do Mar que estudan dous recursos pesqueiros da ría de Vigo: a navalla e o cogombro de mar. Na recta final destes estudos, os equipos de investigación presentaron este venres os resultados nun evento dirixido aos axentes implicados na xestión pesqueira da navalla e a holoturia en Galicia, dende colleiteiros, asistencias técnicas das confrarías e biólogos de zona da Consellería do Mar ao persoal investigador interesado na materia. O evento, no que participaron unha trintena de persoas, celebrouse por streaming a través do Campus Remoto.

O proxecto sobre o estudo da variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da navalla na ría de Vigo e a súa aplicación á xestión pesqueira, está liderado pola catedrática Elsa Vázquez e foi desenvolvido pola investigadora Ana Tubío. Pola súa banda, o estudo sobre a bioloxía, estatus poboacional e diversidade xenética da Holothuria forskali na ría de Vigo está liderado polo catedrático Jesús Souza Troncoso e realizado por Tania Ballesteros. Ambos proxectos, nacidos no seo do grupo Ecocost (CIM-UVigo) buscan ofrecer, “por unha banda, a información sobre os parámetros biolóxicos máis relevantes para a xestión pesqueira destas especies na ría e, por outra banda, achegar ferramentas de xestión simples que poidan ser empregadas para coñecer o estado do recurso no día a día”, como explica Alba Hernández, investigadora do CIM. En ambos casos, os estudos foron desenvoltos en estreita colaboración coas asistencias técnicas e os colleiteiros de navalla e cogombros de mar implicados nos plans de explotación destes recursos na ría.

O cogombro de mar, un recurso mariño moi cobizado en Oriente e nas costas mediterráneas

O cogombro de mar (Holothuria forskali) é un recurso mariño moi cobizado en Oriente e nas costas mediterráneas, ata tal punto que se ten chegado a casos de sobreexplotación. Non obstante, como explica a investigadora Tania Ballesteros, en Galicia a explotación das especies locais é recente e non foi ata o ano 2013, cando a Cooperativa de Armadores de Vigo comezou a explotación do Parastichopus regalis (carallo de mar, carallote real, cogombro de mar, etc.) como especie produto de descarte procedente do Gran Sol. Posteriormente foron desenvolvéndose os primeiros plans para a xestión de holoturias para as confrarías de Cangas, Coruña-Barallobre, Grove, Aldán e Vigo. Pero a pesar das elevadas capturas e da concesión de novos plans de explotación en Galicia, aínda se descoñecen total ou parcialmente moitos aspectos da bioloxía desta especie, e neste contexto é no que nace o proxecto para o estudo da bioloxía, estatus poboacional e diversidade xenética da holothuria (Holothuria forskali) na ría de Vigo, en colaboración Centro de Investigacións Mariñas-Cima Corón, Anfaco-Cecopesca e a confraría de pescadores San Xosé de Cangas. O obxectivo era avanzar no coñecemento sobre a reprodución, esencial para o establecemento de vedas; o crecemento, necesario para coñecer a idade á cal os individuos forman parte da biomasa explotable; a talla de primeira madurez, que permita establecer unha talla mínima legal que asegure o éxito reprodutivo da poboación e a estandarización dunhas medidas biométricas que permitan realizar un seguimento da poboación co menor erro posible.

Entre os principais resultados do proxecto, como explicou Tania Ballesteros aos sectores implicados no marco do evento virtual, “puidemos establecer que medidas son máis axeitadas en cada situación para o seguimento da pesqueira, así como aspectos do ciclo reprodutivo a ter en conta na xestión como son o período de maduración e posta fundamental para establecer as vedas (novembro-febreiro). Ademais , xa contamos con coñecemento suficiente para fixar un talla mínima legal ao menos no banco de Cangas (150 g peso húmido). Así mesmo, presentáronse os datos obtidos na Ecimat sobre o cultivo desta especie non descrita con anterioridade ó inicio do proxecto, como o desenvolvemento embrionario, larvario e xuvenil. Pese a ter individuos de 70 g nados nas nosas instalacións, o obxectivo inicial era determinar o tempo en alcanzar unha talla comercial, consecuentemente este obxectivo queda a medio camiño tras quedarnos sen fonte de financiación”. A investigadoras do CIM tamén ofreceron ferramentas sinxelas para que os responsables da xestión deste recurso poidan seguir a evolución do ciclo reprodutivos nos próximos anos.

Unha plataforma informática para mellorar a xestión do sector da navalla

O estudo da variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da navalla (Ensis magnus) na ría de Vigo desenvolveuse en colaboración con atlanTTic, co obxectivo de dar soporte á xestión da pesqueira da navalla, estudando, dunha banda, a heteroxeneidade espacial na reprodución e na distribución do stock, e doutra banda, os diferentes métodos de estudo e visualización do estado dos bancos, co obxecto de promover un método de explotación baseado en información biolóxica obtida de forma continuada.

E é que a pesar de que durante as dúas últimas décadas se realizou un importante esforzo para estudar a bioloxía da navalla, “esta especie, ao igual que moitos invertebrados sedentarios, distribúese de forma heteroxénea ocupando bancos dispersos conectados entre si polas fases larvarias, podendo existir variacións espaciais na súa estratexia vital, mesmo entre bancos relativamente próximos”, explica Alba Hernández, que observou na súa tese de doutoramento, desenvolvida no grupo Ecocost, diferencias no ciclo reprodutivo entre os bancos da ría de Pontevedra. Ademais, o ciclo reprodutivo pode presentar variacións de ano en ano debido á súa interacción coas variables ambientais, sendo imposible aplicar os mesmos esquemas de rotación cada ano. No marco da tese creouse unha ferramenta de xestión sinxela que permitía adaptar o estado gonadal do recurso á súa explotación. Grazas ao uso desta ferramenta e aos obradoiros realizados coas confrarías, conseguiuse reducir a veda a un mes, o que xerou interese entre as confrarías e a Consellería do Mar dando pé a este novo proxecto que botou a andar en 2017 trasladando o foco á ría de Vigo.

Así, os membros do grupo Ecocost estudaron, entre xaneiro de 2018 e xullo de 2019, as diferenzas a nivel mesoescala no ciclo reprodutivo de E. magnus en cinco bancos explotados da ría de Vigo mediante métodos histolóxicos e estimaron que o tamaño no que a especie alcanza a madurez sexual é de 88.23 mm (L50) e 93.00 mm (L90). Os resultados do traballo tamén mostran un ciclo reprodutivo caracterizado por unha etapa de descanso sexual durante o verán e principios do outono, cando a temperatura é máis alta, a auga é rica en nutrientes, e E. magnus acumula reservas. Tamén se observou un inicio da gametoxénese no outono, cando a temperatura e os nutrientes diminúen e a gametoxénese comeza a expensas das reservas almacenadas, así como un período de desovas sucesivas intercaladas con restauracións gonadais durante o inverno e a primavera. Estes resultados poden ser utilizados na xestión da pesqueira, adaptando o plan de recolección rotacional e o período de veda á variabilidade atopada na etapa gametoxénica da navalla dentro da ría.

Por outra banda, nestes tres últimos anos tamén testaron a eficiencia da ferramenta a través do estado do ciclo reprodutivo na ría de Vigo e reforzouse o seu uso mediante a creación dunha plataforma informática bautizada como Navalleando, desenvolta por atlanTTIc, en colaboración co CIM-UVigo. Nesta plataforma, apunta Ana Tubío “os datos relativos á bioloxía da navalla e aos parámetros físicos da auga son introducidos polo sector pesqueiro (navalleiros/as e asistencias técnicas) e os datos sobre a apertura ou peche dun banco son introducidos polo persoal de pesca da Xunta de Galicia”. Esta plataforma permite visualizar o estado reprodutivo do recurso, o grao de rotura da navalla, o principal factor que regula o ciclo desta especie, a temperatura do fondo do mar e o estado de explotación en cada un dos bancos. “A colaboración de todos os actores implicados na xestión deste recurso, a facilidade da introdución dos datos, a súa consulta rápida e sinxela e a súa atractiva presentación fan desta plataforma unha ferramenta moi útil para a xestión da navalla, que pode servir de exemplo para a xestión doutros bivalvos”, remarcan as investigadoras.

Comentar noticia

Your email address will not be published.