Investigadores das tres universidades e do CSIC poñen en marcha unha rede galega de seguridade alimentaria

Risegal conta coa participación de tres equipos de investigación da Universidade de Vigo
Por o 15/12/2017 | Sección: Alimentación,Universidade de Vigo
Investigadores das tres universidades e do CSIC poñen en marcha unha rede galega de seguridade alimentaria

Identificar os riscos microbiolóxicos e químicos emerxentes que poden afectar á seguridade alimentaria en Galicia determinados por factores medioambientais e socioeconómicos asociados á sociedade actual e propoñer recomendacións para minimizalos. Esta é a principal finalidade coa que esta mañá botou a andar a Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria, Risegal, integrada polos principais expertos e expertas galegas vinculados a estas cuestións, entre eles tres grupos de investigación da Universidade de Vigo.

A nova rede está coordinada polo grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do CSIC. Trátase, segundo indicaron os seus responsables, de identificar e explorar riscos químicos e microbiolóxicos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia, tendo en conta factores ambientais e socioeconómicos impulsores como o cambio climático, os novos hábitos de consumo, o envellecemento da poboación, a crise económica ou a globalización.

Financiada pola Axencia Galega de Innovación no marco do programa de Axudas de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación, Risegal terá como principal finalidade a emisión de recomendacións e accións para previr a aparición de riscos emerxentes relacionados coa seguridade alimentaria e dela forman parte dous grupos de investigación do Centro Superior de Investigacións Científicas e cinco das universidades galegas -tres da Universidade de Vigo e cadanseu de Santiago de Compostela e A Coruña- en colaboración do Clúster Alimentario de Galicia e a Rede Galega de Vixianza en Saúde Pública, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Participación da Universidade de Vigo na rede

Desde a Universidade de Vigo son tres os grupos que participan en Risegal: Análise químico de biotoxinas acuáticas, contaminantes ambientais e alimentarios, dirixido pola profesora Ana Gago; Investigacións Agroambientais e Alimentarias, coordinado neste caso por Jesús Simal, e Tecnoloxía dos Alimentos, dirixido por Francisco Javier Carballo.

Con respecto ao grupo coordinado pola profesora Ana Gago, con sede na Facultade de Química, cabe destacar a súa actividade investigadora dedicada á optimización e desenvolvemento de métodos analíticos para a determinación de toxinas mariñas (paralizantes, amnésicas e lipofílicas) e emerxentes (ciguatoxinas, iminas cíclicas). Así mesmo, destaca a realización de estudos funcionais do sistema nervioso e neuroendocrino.

Os outros dous grupos teñen sede ambos na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. No caso do grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias, equipo dirixido polo profesor Simal, achegará á rede a experiencia adquirida a partires da súa actividade investigadora en métodos rápidos para a análise de contaminantes químicos e físico-químicos en alimentos ou produtos destinados á alimentación. Manteñen abertas diferentes liñas de investigación, sendo unha das prioritarias a mellora da calidade sensorial e funcional dos alimentos. A atención céntrase, segundo indican na súa web, no desenvolvemento de novos alimentos mediante a recuperación dos ingredientes funcionais (ben bioactivos ou sápido-aromáticos) a partir dos subprodutos, pero tamén no aumento da vida útil dos produtos existentes para obter alimentos máis estables. O obxectivo é chegar a desenvolver alimentos saudables con alta calidade sensorial, nutricional e funcional, garantindo a calidade dos alimentos e a protección dos consumidores.

No caso do grupo de Tecnoloxía dos alimentos, dirixido polo profesor Francisco Javier Carballo, a súa actividade investigadora relacionada coa rede enmárcase dentro da seguridade microbiolóxica de produtos cárnicos e lácticos. Algunhas das liñas desenvoltas polo grupo teñen que ver co estudo de cultivos iniciadores propios para embutidos tradicionais, o estudo do contido de aminas bióxenas en produtos cárnicos tradicionais ou a presencia do xénero Bacillus en embutidos cru-curados.

Experiencia do IIM, USC e UDC

No caso do grupo que coordina a rede, dirixido por Marta López Cabo, ten ampla experiencia en seguridade de alimentos procedentes da pesca e da acuicultura. Tamén desde o IIM participa o grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña destaca a súa experiencia en ecoparasitoloxía, vinculada especialmente á resolución de problemas en ictioparasitoloxía e malacoparasitoloxía así como no desenvolvemento de métodos rápidos para a detección de parásitos en productos da pesca.

Por parte da Universidade de Santiago de Compostela participa na rede o grupo de patoloxía na Acuicultura, que centra a súa actividade na bacterioloxía e viroloxía de organismos acuáticos; mentres que no caso da Universidade da Coruña os participantes son o grupo de Xenética de Organismos Mariños, equipo que se encargará da descripción dos efeitos xenotóxicos e citotóxicos ocasionados por axentes contaminantes (p.e. estireno, plomo, selenio…) e por biotoxinas mariñas (DSP) usando biomarcadores citoxenéticos e moleculares en células de humanos, mamíferos e moluscos bivalvos.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.