Investigadores do campus desenvolverán un proxecto de óptica aplicada a pavimentos

A iniciativa está liderada polo catedrático Humberto Michinel
Por o 12/09/2018 | Sección: Universidade de Vigo
Investigadores do campus desenvolverán un proxecto de óptica aplicada a pavimentos

O Laboratorio de Óptica da Universidade de Vigo colaborará coa empresa Prosistemas, especializada en pavimentos industriais, comerciais, deportivos e decorativos, no desenvolvemento de diferentes iniciativas relacionadas coa aplicabilidade da tecnoloxía fotónica a solos ultraplanos. O catedrático de Óptica Humberto Michinel lidera desde o campus de Ourense esta colaboración.

Segundo explican desde Prosistemas, a iniciativa materializouse o pasado 30 de xullo coa sinatura dun acordo co Departamento de Física Aplicada e esta semana botou a andar coa celebración da primeira reunión técnica. “A empresa contactou con nós porque estaba buscando como ampliar as súas actividades en I+D+i. A nós pareceunos interesante esta colaboración porque nos permite dar unha aplicación práctica a cuestións de investigación que xa dominamos no eido da luz e do láser”, comenta Humberto Michinel.

O acordo, detallan desde a entidade, céntrase en tres aspectos tecnolóxicos. “O primeiro e máis importante consistirá en facer unha análise profunda dos pavimentos de Prosistemas desde o punto de vista da cor, o brillo e a reflectancia”, sinalan. Esta caracterización das propiedades ópticas, indican, permitiralles “definir e cuantificar mellor estas magnitudes”. Ademais, o acordo está enfocado á medición da planimetría en grandes pavimentos empregando autocolimadores láser. Por último, os investigadores abordarán a aplicación a pavimentos da fotocatálise co obxectivo de neutralizar axentes contaminantes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.