Investigadores do CIM presentan o seu traballo a bordo do Intermares

Con conferencias de Mariano Lastra, Jesús Souza-Troncoso, Diego Salgueiro e Estefanía Paredes
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Investigadores do CIM presentan o seu traballo a bordo do Intermares

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, participa esta semana no programa de actividades organizadas pola Secretaría Xeral de Pesca coa colaboración de distintos organismos con motivo das xornadas de porta abertas do buque Intermares, que, tras ser sometido a un fondo proceso de renovación, se reestrea como barco de formación e cooperación pesqueira. Ao longo de toda a semana levaranse a cabo toda unha serie de obradoiros, conferencias, talleres… coa actividade pesqueira e a investigación mariña como temáticas centrais.

As actividades a bordo do buque, atracado no peirao de Trasantlánticos do porto de Vigo, arrancaron esta mañá e ata alí se desprazaron a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e o director do Campus do Mar, Daniel Rey. Ambos participaron nunha visita ao buque que estivo presidida pola secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, quen aproveitou este acto para resaltar o compromiso  do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación na formación de formadores, subliñando nesta liña as posibilidades que ofrece este buque na formación integral, tanto no ámbito da pesca como da cooperación internacional.

Charlas con Mariano Lastra, Jesús Souza-Troncoso e Diego Salgueiro

Haberá actividades ao longo de toda a semana coa participación de expertas e expertos de diferentes organismos. O programa de charlas de investigadores do Centro de Investigación Mariña arrancou esta mañá coa participación dos profesores Mariano Lastra e Jesús Souza- Troncoso, do grupo de Ecoloxía Costeira, que falaron da súa experiencia na Antártida. Amosaron, na primeira parte da charla, algunhas das principais técnicas de recolecta empregadas para o estudo dos bentos mariño antártico, os problemas asociados a ditas técnicas e os resultados conseguidos no último proxecto que levaron a cabo; mentres que, xa na segunda parte da súa intervención, afondaron nas posibles implicacións da remineralización de nutrintes derivada da degradación de algas nun ecosistema antártico nun escenario de cambio climático.

Ademais de  Lastra e Troncoso, contouse tamén coa participación de Diego Salgueiro, investigador do grupo Future Oceans Lab, que fixo unha aproximación aos sistemas socio-ecolóxicos mariños.

Estefanía Paredes falará mañá martes sobre criopreservación

A seguinte conferencia do CIM-UVigo Criopreservación: conxelando organismos mariños no tempo será mañá martes as 11.00 horas e correrá a cargo de Estefanía Paredes, responsable do Servizo de Preservación Funcional de Recursos Biolóxicos Mariños da Ecimat, que presentará a metodoloxía empregada para a criopreservación de moluscos, así como algúns dos resultados conseguidos ata o momento e as liñas de traballo que están en marcha neste servizo, pioneiro na criopreservación das larvas de ameixa e de mexillón.

Aberta ao público en xeral, as persoas interesadas en asistir a esta conferencia deben chegar dez minutos antes do inicio e rexistrarse na entrada do barco. Dependendo do número de asistentes, realizarase unha visita guiada gratuíta polo buque.

Ao abeiro desta programación o mércores 7 terá tamén lugar unha visita ao buque do alumnado e equipo de docentes do Mestrado Interuniversitario de Oceanografía.