Investigadores novos de toda Europa presentarán os seus traballos no XXII Workshop on Dynamic Macroeconomics

O Premio Nobel de Economía Finn Kydland será un dos expertos convidados para avaliar os estudos
Publicado por o día 29/06/2017 na sección de Universidade de Vigo

Investigadores novos de toda Europa presentarán os seus traballos no XXII Workshop on Dynamic Macroeconomics

Fiel á tradición, como cada verán o grupo de investigación Research Group of Economic Analysis (RGEA) da Universidade de Vigo volve elixir o castelo de Soutomaior como sede do Workshop on Dynamic Macroeconomics, que entre os días 4 e 6 xullo celebrará a súa vixésimo segunda edición. Neste encontro 15 investigadoras e investigadores de diferentes países europeos presentarán os traballos que están a realizar no marco da súa tese de doutoramento. O profesor Jaime Alonso, do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Vigo, explica que se seleccionaron as investigacións de 15 estudantes de doutoramento, entre os 63 enviados por de España, Europa, Estados Unidos, Australia, etc. As e os 15 novos investigadores seleccionados amosan o impacto e difusión deste evento xa que proceden de España, Alemaña, Francia, Polonia, Gran Bretaña, Bélxica e Italia. Durante unha hora, cada estudante deberá presentar as súas liñas de investigación para que sexan discutidas e avaliadas, o que dota a este evento tanto “dunha compoñente investigadora como dunha compoñente formativa”, subliña Alonso.

No relativo aos contidos dos traballos que se presentarán, o profesor lembra que o simposio está aberto a calquera tema relacionado co eido macroeconómico, pero engade que “a realidade económica está a marcar a axenda de investigación en macroeconomía, polo que haberá un número elevado de traballos tratando aspectos financeiros, do mercado de traballo e do crecemento económico”. As e os investigadores novos proceden de centros españois como a Universidad Pompeu Fabra, a Autónoma de Barcelona ou Universidad Carlos III de Madrid e doutras institucións europeas como a University of Mannheim, a Toulouse School of Economics, a Warsaw School of Economics, a University of Bristol, a Université Catholique of Louvian, o European University Institute, a University of Oxford e a Paris School of Economics.

Perspectiva internacional tanto na organización como na presentación de traballos

Jaime Alonso destaca tamén a perspectiva internacional na organización deste simposio, que conta coas achegas de profesores de prestixiosas universidades e centros de investigación na área da teoría macroeconómica, como o Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo Timothy J. Kehoe, da University of Minnesota, que ademais é o presidente do comité organizador. Xunto a el colaboran Arpad Abraham (European University Institute), Juan Carlos Conesa (State University of New York at Stonybrook), Antonia Díaz (Universidad Carlos III de Madrid), Omar Licandro (University of Nottingham), Franck Portier (Toulouse School of Economics) e Victor Ríos-Rull (University of Minnesota).

Ademais dos 15 estudantes que presentarán as súas investigacións, outras vinte persoas asistirán a este simposio, ben como parte do Comité Científico ou como investigadores convidados, o cal elevará o número de asistentes a 35 persoas. Entre os profesores convidados desta edición figuran o Premio Nobel de Economía en 2004 Finn Kydland, da Universidad de California, Santa Bárbara, e o profesor Edward Prescott, ambos con experiencia xa en anteriores edicións do workshop. Xunto con eles tamén participarán Hernán Seoane, da Universidad Carlos II de Madrid; Pau Pujolas, da McMaster University, Canada e Kim Ruhl, da Penn State University.