Investigadores vigueses desenvolven un inmunoensaio para a detección ultrasensible de SARS-CoV-2

O grupo de Química Coloidal colabora co Sergas e o CSIC nesta iniciativa

A Universidade de Vigo segue a poñer todo o seu potencial científico na loita contra a pandemia do coronavirus. O grupo de Química Coloidal colabora co Sergas e o CSIC nun proxecto da convocatoria Fondos Supera Covid para desenvolver un test LFIA que permita a identificación ultrasensible e PoC (do inglés point of care, preto do paciente) de SARS-CoV-2.

O estudo SERS-based Lateral flow point of care immunoassay for ultrasensitive detection of SARS-CoV-2 está liderado por Lorena Vázquez-Iglesias e Jorge Pérez-Juste, investigadores do grupo de Química Coloidal. Participan tamén outros dous investigadores deste grupo (Isabel Pastoriza e Gustavo Bodelón), así como persoal do Sergas, como Alberto Fernández Villar, xefe de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor asociado, e Mark van Raaij do Centro Nacional de Biotecnoloxía. Pérez Juste explica que a principal vantaxe que tería este test sería o límite de detección, é dicir, faría posible “detectar cantidades de virus máis baixas o que, á súa vez, permitirá detectalo antes”.

O proxecto responde á necesidade de implementar ferramentas diagnósticas novas e fiables, xa que o diagnóstico precoz é especialmente importante, non só para mellorar as posibilidades de supervivencia dos pacientes, senón tamén para garantir a seguridade da poboación. Os investigadores explican que “a maioría dos tests inmunolóxicos para o coronavirus están centrados na detección de anticorpos específicos provocados durante a infección. Non obstante, este enfoque só pode detectar os anticorpos entre 4 a 10 días despois de que se iniciaran os síntomas”. Este proxecto, pola conta, aposta por empregar
anticorpos que son selectivos fronte a determinadas proteínas de membrana do virus, é dicir, o virus ten no exterior proteínas que son características e os anticorpos o que fan é recoñecelas.

Unhas das oito prioridades de investigación para loitar contra o brote da covid-19

Un grupo de expertos da OMS convocado en Xenebra identificou as probas rápidas de PoC como a primeira das oito prioridades de investigación para loitar contra o brote da covid-19. Pero a detección directa de compoñentes virais por inmunoensaios de fluxo lateral (LFIAs) está comprometida pola súa baixa sensibilidade. Como explica Pérez Juste, “nos inmunoensaios de fluxo lateral estándar os anticorpos que recoñecen as proteínas van unidos a unha nanopartícula (xeralmente de ouro coma no test no embarazo) que é a que dá lugar á cor na liña de test ao acumularse. Isto fai que o seu límite de detección sexa en certo modo baixo, na nosa aproximación tamén empregamos nanopartículas, pero estas están codificadas con certas moléculas que podemos detectar mediante espectroscopía SERS. As posibilidades de esta espectroscopía na detección son enormes dado que podería permitir detectar unha única molécula”.

Así, SERSforSARS combinará bioloxía molecular, nanotecnoloxía e SERS para desenvolver un test LFIA para a identificación ultrasensible e PoC de SARS-CoV-2 en biofluídos nasofaríngeos, é dicir, traballarase fundamentalmente con esputo e mostras nasais.

O test permitirá detectar a presenza do virus nun tempo simular so dos coñecidos test rápidos, “pero a súa fiabilidade así coma o límite de detección (ou cantidade mínima que se pode detectar) será menor”, resume o investigador. O proxecto conta cun orzamento de 110.000 euros para un ano de traballo, un prazo que o equipo investigador considera, a priori, “totalmente factible”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario