Irene Villa falará sobre a superación no ciclo de conferencias «Educación século XXI» de Afundación

Estará o 30 de outubro na Sede Afundación de Vigo e o xoves 31 na Sede Afundación da Coruña
Publicado por o día 21/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Irene Villa falará sobre a superación no ciclo de conferencias «Educación século XXI» de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, retoma o seu ciclo de conferencias «Educación século XXI» con novos relatores e temas, consolidando así esta firme aposta da entidade pola difusión de modelos formativos diversos, en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais e creando foros de intercambio de coñecemento que inclúan tanto a docentes como a nais e pais. Irene Villa será a seguinte protagonista deste programa coa conferencia «As barreiras polas ti» na que falará sobre como enfrontarse aos retos, tanto profesionais como persoais, para superalos. Estará o 30 de outubro na Sede Afundación de Vigo e o día 31 na Sede Afundación da Coruña e todas as prazas dispoñibles para asistir a ambas as dúas charlas xa se cubriron.

Licenciada en Comunicación Audiovisual, en Psicoloxía e en Humanidades, Irene Villa é o mellor exemplo de superación ante calquera obstáculo persoal ou profesional. As súas actividades profesionais compaxínaas co deporte, xa que forma parte do Equipo Nacional de Esquí Alpino Adaptado, co que conseguiu diferentes galardóns e medallas. Foi recoñecida como unha das 50 mulleres líderes de España, Woman of the year 2018 nos «Awards New York Summit» e co premio «Nenos de Europa» outorgado por Lady Di. Así mesmo, é embaixadora europea da Cidadanía e foi candidata aos Premios Príncipe de Asturias.

Con tan só 12 anos de idade sufriu un grave atentado terrorista no que perdeu as dúas pernas e os dedos dunha man. Esta experiencia non só cambiou a súa vida, tamén o

seu código de valores, converténdose no mellor exemplo das segundas oportunidades. Actualmente desenvolve a súa carreira profesional como xornalista en diferentes medios de comunicación de prensa, radio e televisión. Tamén é autora de varios libros e novelas como Saber que se puede (2011), Nunca es demasiado tarde, princesa (2013) e Como el sol para las flores (2015).

CICLO «EDUCACIÓN SÉCULO XXI»

Afundación iniciou en 2017 o ciclo «Educación século XXI», un programa de conferencias que pretende difundir as últimas novidades en formación e ensino, abordando diferentes enfoques sobre a docencia, e á súa vez reunir á comunidade docente, parental e ao estudantado. A edición deste curso continuará co empresario e escritor Álex Rovira, que falará o 11 de decembro na Sede Afundación de Pontevedra e o día 12 na Sede Afundación de Santiago de Compostela.

Máis de 5000 persoas xa asistiron a estas charlas que este curso se estenderán tamén a outras localidades fóra de Galicia. Así, César Bona, finalista dos Global Teatcher Prize 2015 e un dos principais referentes na defensa dun cambio de modelo no sistema educativo, ofrecerá unha conferencia en Xixón e León os días 20 e 21 de novembro, e Xuxo Ruiz, especialista en maxia infantil e maxia educativa e finalista dos Global Teacher Prize 2018, estará en Oviedo o vindeiro 23 de outubro.

A ÁREA EDUCATIVA DE AFUNDACIÓN, A OBRA SOCIAL DE ABANCA

O obxectivo no campo formativo de Afundación está definido pola vocación ao redor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas de Afundación pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxugan o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada nena e de cada neno das ferramentas necesarias para perseverar na adquisición da súa autonomía persoal.

A propostas da Área Educativa de Afundación abranguen múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.

Comentar noticia

Your email address will not be published.