Iris Malvido expón no Parlamento Europeo a precaria situación da mocidade galega

A candidata de En Marea ao Congreso por Pontevedra participou no evento organizado por GUE/NGL “A mocidade facendo fronte aos retos europeos: extrema dereita, precariedade e patriarcado”
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de En Marea,Política

Iris Malvido expón no Parlamento Europeo a precaria situación da mocidade galega

A candidata de En Marea ao Congreso por Pontevedra ven de expoñer no Palamento europeo a precaria situación que padece a mocidade en Galicia e as enormes dificultades de mozas e mozos para accederen a un traballo estable, emanciparse e trazar un plan de vida digno. Iris Malvido participou no evento “A mocidade facendo fronte aos retos europeos: extrema dereita, precariedade e patriarcado”, organizado polo GUE/NGL. Un foro no que a viguesa denunciou o nefasto marco promovido por PP e PSOE coa reforma laboral, e falou da necesidade de favorecer novas condicións que freen o éxodo migratorio e fagan posible unha vida digna dentro do territorio galego.

No evento organizado polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/ Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), a candidata de En Marea ao Congreso por Pontevedra, a viguesa Iris Malvido, facía unha intervención centrada na situación de precariedade que vive a mocidade galega. Durante a súa exposición, Malvido afirmou que “a maior parte dos nosos contratos son de carácter temporal, o que afecta especialmente ás persoas menores de 30 anos”, pois segundo indicou, mesmo o Instituto Galego de Estatística (IGE) denunciou que o ano pasado o 94% dos contratos asinados eran de carácter temporal. Isto provocou “que so o 10% da mocidade galega tiveran contratos que duraran todo o ano. A maioría de mozos e mozas galegos tiveron contratos de 3 ou 4 meses. A maioría dos contratos, ademais, eran de carácter parcial, non chegaban ao salario mínimo interprofesional e, se ben houbo un achegamento entre os salarios dos homes e das mulleres, este se fixo á baixa, é dicir, diminuíron os salarios dos homes pero non aumentaron os das mulleres”.

Para a candidata de En Marea ao Congreso “todo isto provoca unha situación de precariedade, de desemprego e inestabilidade que ten unha serie de efectos directos, como son unha maior porcentaxe de emigración, dificultades para a emancipación ou dificultades para formar unha familia, no caso de que se quixera. Dificultades, en definitiva, para ter un traballo digno na nosa comunidade. Esta situación tamén provoca unha serie de efectos indirectos, pois xéranse as condicións para que se acepten as mensaxes de odio, as mensaxes de medo e consecuentemente, se abra a porta á volta do monstro que é o fascismo”, indicou Malvido.

A cabeza de lista de En Marea por Pontevedra aproveitou tamén a súa estancia en Bruxelas para reivindicar que a Unión Europea “traballe por un modelo máis humano, baseado na igualdade, a cooperación e non supeditado a intereses económicos e xeopolíticos”.