Irregularidades na selección da Xefatura de Psiquiatría do Hospital Montecelo

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública quere facer chegar á opinión pública as seguintes consideracións a traves de Noticias Vigo
Publicado por o día 21/12/2016 na sección de Sanidad,Social,Vigo

Irregularidades na selección da Xefatura de Psiquiatría do Hospital Montecelo

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública ante a Sentenza 325/2016 do Xulgado do Contencioso Administrativo 2 de Pontevedra que acepta o recurso presentado polo Dr. Víctor Pedreira Crespo contra a resolución do 23 de outubro de 2012 da Xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra sobre as puntuacións dos candidatos a xefe do servizo de Psiquiatría, quere facer chegar á opinión pública as seguintes consideracións a traves de Noticias Vigo mediante este comunicado:

1º. A sentenza considera que a decisión debe ser anulada por “falta de imparcialidade e desvío de poder na actuación da Comisión de Avaliación que vulnerou os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, primando a un candidato en detrimento do outro” e ordena a retroacción das actuacións e que se designe unha nova Comisión de Avaliación (da que non poderán formar parte ningún dos membros da anterior) para que esta fixe a puntuación respectando os principios constitucionais e considera incorrecta e non axustada a dereito a actuación da Administración ao non estimar a razoada demanda de recusación de dous membros do tribunal presentada polo Dr. Pedreira. Confírmanse así as sospeitas de parcialidade da Comisión de Avaliación.

2º. Resulta escandaloso que teña que procederse ao nomeamento dunha cuarta Comisión de Avaliación por non axustarse a dereito tanto a composición como a actuación dos tres Tribunais nomeados ata agora.

3º. Ante estas actuacións consideramos que o proceso para a provisión da praza de xefe do servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra debe facerse baixo unha completa tutela xudicial en evitación dun probable nova fraude de lei que condicionaría unha nova denuncia que faría interminable este lamentable proceso.