Isaac Díaz Pardo, para sempre no corazón e nas aulas da EU de Estudos Empresariais

Unha mesa redonda e unha festa para o alumnado, completan a xornada
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Isaac Díaz Pardo, para sempre no corazón e nas aulas da EU de Estudos Empresariais

Isaac Díaz Pardo dá nome desde hoxe a unha aula da Escola Universitaria de Estudos Empresarias, un xesto co que o centro recoñece a actividade empresarial do galeguista, así como o seu compromiso coa lingua e a identidade de Galicia. “Somos a única universidade galega que non nomeou a Díaz Pardo doutor honoris causa e por iso paréceme moi importante este recoñecemento por parte dunha escola que está plenamente inserida na sociedade galega”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no acto previo ao descubrimento da placa, que desde hoxe distingue a aula 32 da escola, que este xoves celebra o seu patrón San Vicente Ferrer, rebautizado como San Tito. O fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo, foi o encargado de descubrir a placa tras lembrar o carácter polifacético do seu pai, “artista plástico, escritor, editor ou dinamizador cultural, sen esquecer unha das máis importantes: a de emprendedor industrial”, dixo.

O alcalde de Vigo; a presidenta da Deputación de Pontevedra; o secretario xeral de Política Lingüística; a subdirectora de Intercambios e Relacións Internacionais da EUEE e o presidente do Foro Peinador eloxiaron a figura e as achegas de Díaz Pardo nun acto previo ao descubrimento da placa, que deu paso a unha mesa redonda sobre o compromiso coa lingua galega na empresa, na que tomaron parte os directores das firmas Bandalux, Feiraco, Itelsis e o propio fillo de Isaac Díaz Pardo. Rematadas as celebracións institucionais, a conmemoración do patrón trasladouse, “despois de moitos anos”, lembrou a subdirectora, fóra da escola coa festa organizada pola delegación de estudantes, que se prolongará ata as 21.00 horas.

Un exemplo de éxito empresarial dun home do Renacemento

De “home do Renacemento” cualificou Manuel Reigosa a Díaz Pardo, de quen dixo logrou que “esteamos máis orgullosos de sermos galegos e sexamos máis conscientes da nosa identidade e das nosas capacidades”. O reitor da Universidade de Vigo lembrou a traxectoria artística e empresarial de Díaz Pardo no exterior e logo en Galicia, ao tempo que reivindicou que a súa figura se estude nas aulas como un exemplo “do que se pode facer desde aquí, permitindo que Galicia acade un nivel máis alto cultural, económica e socialmente”, asegurou Reigosa. Mentres, Consuelo Currás, subdirectora de Intercambios e Relacións Internacionais da EUEE, tras lembrar a homenaxe máis que merecida que a escola lle fai a Díaz Pardo, afirmou que “cremos que o coñecemento do pasado fornece unha identidade sólida e flexible, porque a tradición social e intelectual, o entorno inmediato, o valor da lingua e a historia, son alicerces para que mulleres e homes no futuro poidan seguir abrindo camiños vizosos para Galicia desde a escola”, asegurou.

Pola súa banda, Camilo Díaz, recordou os  logros empresariais acadados polo seu pai, destacando o seu “labor de transformación das materias primas galegas en produtos de alto valor engadido, con carácter identitario, de xeito que transmitían a emoción de posuír un anaco do país e a recuperación da memoria histórica”. Xosé González, presidente do Foro Peinador, entidade promotora do nomeamento hai dous anos das aulas dedicadas a Antía Cal e Valentín Paz Andrade e agora a de Díaz Pardo, considérao como un exemplo “de como ter éxito sen deixar de reivindicar a lingua e a idiosincrasia do país”. Mentres, o secretario xeral de Política Lingüística destacou a capacidade do homenaxeado de “combinar a tradición, a iniciativa empresarial e a modernidade”, ao tempo que aseguro que cómpre inculcar ás futuras xeracións de empresarias e empresarios a xenialidade de Díaz Pardo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicaron, pola súa banda, o orgullo de ser galega ou galego, “unha terra cun extraordinario patrimonio, historia, cultura e enorme talento creativo, que conforman unha forma de ser”, dixo Silva, mentres Caballero puxo o acento na capacidade de Díaz Pardo de “entender Galicia para o mundo en galego”. O alcalde de Vigo tamén lembrou na súa intervención a relevancia de Escola Universitaria de Estudos Empresarial nos seus inicios, hai case 100 anos, como xermolo da cultura económica que permitiu a Vigo empezar a liderar Galicia.

Empresarios que teñen a Galicia como referencia inescusable

Finalizado o descubrimento da placa que lembra a Díaz Pardo, deu comezo unha mesa redonda na que baixo o título Compromiso coa lingua na empresa galega, participaron os empresarios Casiano García (Bandalux); José Montes (Feiraco); Xerardo García Alvela (Itelsis) e Camilo Díaz. “O importante non é que as empresas falen galego, senón que haxa persoas que falen galego nas empresas”, asegurou García, que defendeu que as firmas comerciais traballen para fixar poboación no rural, tal como fai, asegurou, Bandalux en Moraña. Neste mesmo sentido se manifestou o presidente de Feiraco, que tamén destacou a pretensión da cooperativa de ser un grupo en expansión e “crear riqueza en Galicia, que se reinviste en Galicia”. Pola súa banda, o CEO de Itelsis incidiu na defensa que do galego se está a realizar no sector das telecomunicación en Galicia, que suma máis de 3400 empresas e 22.000 empregos, con iniciativas como dominio.gal  ou a tradución de sistemas operativos ao galego. “É unha riqueza que non podemos perder”, asegurou Xerardo García.