Isabel Blanco protagoniza o Venres D_letras de xaneiro

Publicado por o día 09/01/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

Isabel Blanco protagoniza o Venres D_letras de xaneiro

Esta semana terá lugar o primeiro «Venres D_letras» do ano que, nesta ocasión, estará protagonizado pola avogada e animadora cultural de orixe ponteareá Isabel Blanco. Coma sempre, o ciclo desenvolverase no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas a partir das 20:30 horas, como parte das actividades organizadas pola Concellería de Cultura.

«María Vinyals. Un talento rebelde», é unha recreación literaria da biografía de María Vinyals, ecritora, articulista e pioneira do feminismo en Galicia, inxustamente esquecida na actualidade. Nacida en 1875 no castelo de Soutomaior, foi autora dunha historia do devandito castelo, no que pasou boa parte da súa vida, que quedou como referencia para todos os estudosos da fortaleza.

Dirixida a un público xuvenil, esta novela achéganos a historia de María Vinyals a través da perspectiva dun imaxinario fantasma que habita o castelo e co que ela amiga sendo nena, desenvolvendo así unha historia imaxinativa pero que non deixa de estar moi apegada á realidade. Amais, o libro está fermosamente ilustrado por Luz Beloso, unha das ilustradoras máis relevantes de Galicia e colaboradora habitual da autora.

Isabel Blanco é licenciada en Dereito pola Universidad de Granada. Dende 1989 exerce en Vigo como avogada especializada en dereito matrimonial e de familia, violencia de xénero e menores. Logo de gañar algúns certames literarios, en 2012 publicou o primeiro libro de relatos en castelán «Historias de almas inquietas», ao que non tardaría en seguir «Los mundos ajenos» e mailo poemario en galego «Verbas cum». Dende entón emprega o galego como lingua habitual.

Tamén é autora dunha triloxía dedicada ao público infantil («As receitas de Rosaura», «Rosaura e o mar», e «Rosaura, cesteira de Mondariz»), sempre en colaboración coa ilustradora Luz Beloso.

O vindeiro mes de febreiro o ciclo continuará coa presentación da novela «Besta do seu sangue», de Enma Pedreira, coa que o ano pasado acadou o Premio Xerais.