Isabel Pérez Dobarro e Elbi Olalla unen as músicas de Galicia e Arxentina no centro Galego de Barcelona

Ofreceron hoxe un recital de piano e unha charla nun acto organizado pola Oficina de Turismo da entidade.
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Cultura

Isabel Pérez Dobarro e Elbi Olalla unen as músicas de Galicia e Arxentina no centro Galego de Barcelona

Nun acto organizado pola Oficina de Turismo de Galicia do Centro Galego de Barcelona, a pianista Isabel Pérez Dobarro e a compositora e pianista Elbi Olalla uniron hoxe as músicas de Galicia e Arxentina nun recital celebrado este mediodía na entidade. O concerto, que estivo precedido dunha charlafaladoiro ofrecido por ambas as intérpretes, enmárcase nas actividades desenvolvidas
pola Oficina de Turismo, baixo a coordinación da técnica á fronte da mesma, Ciara Cabodevila, para promocionar a arte e a música de Galicia como elementos de atracción turística.

Nada en Santiago de Compostela en 1992, Isabel Pérez Dobarro é unha das pianistas españolas da súa xeración con maior proxección internacional. Formada musicalmente no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e a Universidade de Nova York, desenvolveu a súa carreira concertística en España, Estados Unidos, Rusia, Italia e Portugal. Paralelamente, forma parte da iniciativa UN Sustainable Development Solutions Network – Youth ( SDSN- Youth) -sección xuvenil da Rede de Solucións para o Desenvolvemento Sostible da ONU-, na que dirixe o proxecto Arts Twenty Thirty, dirixido a inspirar un movemento social para o desenvolvemento sostible e o logro de solucións para os retos actuais e futuros a través das artes.

Pola súa banda, a compositora e pianista Elbi Olalla, nacida en Mendoza (Arxentina) e actualmente residente en Barcelona, é profesora universitaria de música, fundadora do grupo Altertango e integrante doutros grupos de tango e música popular do seu país. Hai un ano instalouse na Cidade Condal e realizou numerosas actuacións en distintas cidades europeas.

No recital celebrado hoxe no Centro Galego, Isabel Pérez Dobarro interpretou obras de música galega de Julia Dopico Vale, Marcial del Adalid e Narcisa Freixas, mentres que Elbi Olalla centrouse na música popular arxentina, o tango e a inmigración con pezas compostas por ela mesma e por Aníbal Troilo.