Piden a retirada dunha crema solar de ISDIN de protección SPF 50+ porque só ofrece un SPF 15

A Organización de Consumidores e Usuarios detectou a través dunha análise comparativa en laboratorio que a crema ISDIN Fotoprotector Pediatrics Transparent Spray SPF 50+ ofrece unha protección “media” (SPF 15) e non “moi alta”, como indica a súa etiqueta
Publicado por o día 05/06/2019 na sección de OCU,Social

Piden a retirada dunha crema solar de ISDIN de protección SPF 50+ porque só ofrece un SPF 15

Un ano máis, a Organización de Consumidores e Usuarios realizou unha análise comparativa entre diferentes cremas solares para comprobar se ofrecen o índice anunciado e, por tanto, protexen a pel na medida que prometen. Nesta ocasión, OCU centrouse en estudar 17 cremas solares infantís con factor de protección solar moi alto (SPF 50+) e con presentación en formato pulverizador (“pistola”, espray, aerosol ou pulverizador).

Para realizar a análise, as cremas foron sometidas a dúas probas de laboratorio seguindo as normas estandarizadas europeas. Por unha banda, unha proba de cálculo do SPF in vivo en condicións estandarizadas e controladas (o SPF indica o nivel de protección fronte aos raios UVB) e, por outro, unha proba in vitro para medir a radiación UVA capaz de traspasar unha capa de crema dun determinado espesor.

Segundo estas probas, OCU detectou que, das 17 cremas analizadas, dúas delas teñen un factor de protección fronte aos raios UVB inferior ao anunciado. O primeiro caso, e o máis grave, é o da crema ISDIN Fotoprotector Pediatrics Transparent Spray SPF 50+, que só ofrece protección “media” e non “moi alta”, como se indica na etiquetaxe.

O segundo caso é o da crema solar Babaria Infantil Spray Protector SPF 50+, que debería estar etiquetada como SPF 30, xa que só ofrece protección alta. En canto á radiación UVA, só ISDIN falla tamén nesta proba, ofrecendo menos protección da recomendada.

A Organización de Consumidores xa enviou os resultados da análise á AEMPS (Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios) e solicitoulle que realice as comprobacións necesarias sobre estes dous produtos, así como a retirada e o cesamento de comercialización e utilización, polo risco potencial que supón o seu uso para a saúde dos consumidores, especialmente no caso do fotoprotector da marca ISDIN.

Do resto de cremas analizadas, OCU afirma que todas cumpren coa etiquetaxe básica que esixe a lei e que a protección ofrecida coincide coa anunciada nas etiquetas.

Ademais da protección SPF e UVA, OCU tamén analizou e puntuou outras características das cremas e o seu envasado como a proba de uso, a claridade da etiquetaxe ou a posible presenza de fragrancias alergénicas, para así poder adxudicar unha cualificación global a cada unha delas.

Segundo esta cualificación global, a crema Garnier Delial Sensitive Advanced Bruma Antiarena é a mellor desta análise, mentres que Cen Sun Spray Solar Infantil de Lidl (en formato pistola) obtén a cualificación de Compra Mestra pola súa boa relación calidade prezo.

Segundo OCU, os resultados desta nova análise volven demostrar que, para estar adecuadamente protexido, non é necesario adquirir os produtos máis caros, xa que varias cremas de prezo económico ofrecen unha protección adecuada. OCU quere facer fincapé tamén en que a aplicación das cremas debe facerse de maneira xenerosa e repetida cada dúas horas e que unha redución na cantidade aplicada implica menor protección.