O IV Festival de cafés especiais SCA España, busca no Recinto Feiral aos seus representantes mundiais

Do 11 ao 14 de maio, 48 profesionais competirán nas modalidades de Barista, Latte Art, Brewers, Coffe in Good Spirits e CupTasters, co obxectivo de representar a España nos campionatos mundiais
Publicado por o día 10/05/2017 na sección de Eventos,Galicia,Pontevedra,Vigo

O IV Festival de cafés especiais SCA España, busca no Recinto Feiral aos seus representantes mundiais

O Recinto Feiral de Pontevedra acolle esta semana, do xoves 11 ao domingo 14 de maio, o IV Festival de Cafés Especiais SCA España, onde se desenvolverán os Campionatos Estatais de Café, organizados polo Chapter Español da Asociación Europea de Cafés Especiais.

Un único participante das diferentes disciplinas: Barista, Latte Art, Brewers, Coffee in Good Spirits e CupTasters, proclamarase campión e terá a oportunidade de representar a España nos Campionatos Mundiais organizados por World Coffee Events.

Os Campionatos Mundiais celebraranse en Budapest (Hungría) do 13 ao 15 de xuño e alí loitarán cos mellores de cada un dos outros países participantes (ata 50), nas modalidades de World Latte Art Championship, World Cup Tasters Championship, World Brewers Cup e World Coffee in Good Spirits Championship. Á súa vez, o World Barista Championship terá lugar en Seoul (Corea do Sur) do 9-12 de novembro, e o World Coffee Roasting Championship, en Guangzhou (China), en decembro.

Modalidades

Na súa cita en Pontevedra, 48 profesionais cafeteiros demostrarán a súa técnica, traballo, disciplina e paixón polo café en cinco modalidades: barista (12 participantes), latte art (10 participantes), rewer (6 participantes), cata (14 participantes) e coffee in good spirits (6 participantes).

O Campionato de Baristas céntrase en promocionar a excelencia en café, promovendo a profesión do barista. O Campionato de Latte Art, ou a arte de debuxar con leite sobre o café, procura destacar a expresión artística e o rendemento que desafía ao barista baixo pedidos concretos. O Campionato de Brewers pon en relevo a artesanía do café filtro feito a man, e o Campionato en Good Spirits promove receitas innovadoras que mostren café, licores e ingredientes únicos. Por último, o Campionato de Cata, ou Cup Tasters, premia ao catador profesional que demostra velocidade, habilidade e precisión en distinguir os sabores.

Programa de actvidades

Coa finalidade de transmitir a súa paixón polo café, SCA España preparou un programa con diferentes actividades para que todas as persoas visitantes gocen un pouquiño máis deste mundo, mostrando o ciclo deste produto, desde a orixe ata a cunca.

Películas, conferencias, talleres e catas serán algunhas das propostas engadidas a esta cuarta edición do Festival que ten como obxectivo primordial transmitir valores de educación, cultura, saúde, profesionalidade e calidade na preparación dos cafés especiais por parte dos baristas profesionais.

Estes cafés especiais, xeralmente de orixe, están coidados e tratados con agarimo desde o seu cultivo ata o seu toste e elaboración. Destacan pola súa alta calidade e os seus agradables sabores, doces, definidos e con multitude de matices florais e froiteiros, que non teñen nada que ver cos amargos ao que está afeita a meirande parte dos consumidores desta bebida, a segunda máis consumida no mundo.

Entrada de balde

Con entrada gratuíta, o Festival permanecerá aberto ininterrompidamente de dez da mañá a oito da tarde.

Diferentes profesionais de campos relacionados co sector exporán as súas ideas a través de conferencias programadas. Ademais, unha gran variedade de expositores darán a coñecer e entender os seus servizos e/ou produtos aos asistentes. Empresas de café de diferentes índoles, tales como importadores, tostadores, baristas… terán o seu espazo para ensinar a importancia das súas profesións e as novas tendencias no mercado.

Pero unha vez máis, os verdadeiros protagonistas serán os Campionatos Estatais que nomearán aos novos Campións 2017 SCA España. Todos os participantes mostrarannos a súa paixón e rofesionalidade e bo facer con bebidas onde o seu actor principal é o café.

Estas bebidas serán avaliadas por un xurado tanto estatal como internacional de recoñecido prestixio durante os catro días de duración deste certame.

O IV Festival de Café Especiais é o resultado do esforzo da Speciality Coffee Association (SCA) por fomentar e difundir a cultura do café, que vai desde o produtor que cultiva a froita, ata o consumidor final que busca gozar da infusión, mediante a educación, difusión e profesionalización do sector. Asemade, conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, así como do CIFP Carlos Oroza, o CIFP Paseo das Pontes e o IES Terras do Xallas, que achegan persoas voluntarias para axudar no desenvolvemento do evento.