13/02 – Iván Ferreiro presenta o seu novo disco

Por o 07/02/2014 | Sección: Eventos
13/02 – Iván Ferreiro presenta o seu novo disco
  •  O traballo máis recente do vigués conecta os dous lugares que marcan a súa vida: Val Miñor e Madrid
  • O centro cultural da fundación galega acolle a presentación do sexto álbum de Ferreiro en solitario

  O vindeiro xoves 13 de febreiro, o Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia en Vigo dará a benvida, ás 21.00 h, ao artista vigués Iván Ferreiro, quen presentará o seu último disco en solitario titulado Val Miñor-Madrid. Historia y cronología del mundo. As entradas para o espectáculo están xa á venda a través das canles habituais da entidade en servinova.com.

Este novo disco de estudo é unha viaxe a través dos últimos tres anos do artista resumida en doce cancións, catorce na edición especial do CD. O seu traballo máis maduro, persoal, cósmico, intenso e narrativo procura establecer unha conexión co público botando man de recursos que son xa marca da casa de Iván Ferreiro (o cómic, a ciencia ficción ou as referencias ao cine fantástico) e que quedan atrapados no espazo que delimitan Val Miñor e Madrid.

Desde a disolución de Los Piratas, hai xa anos, Iván Ferreiro iniciou un camiño que, sen présa, foi conformando tanto un carácter como unha tipoloxía musical. Este traballo é unha nova saga que conta a xénese e o proceso dun novo mundo que foi crecendo perante os ollos do artista vigués, pero que, como afirman desde Rolling Stone «Todo dentro dunha orde. O cáustico carácter de Ferreiro segue estando aí e sobre su estreado locus amenus séguense a asomar algunhas nubes. Cambia o rexistro, pero a esencia permanece».

PRENSA FUNDACION NOVAGALICIA