Javier Bas esixe unha Comisaría de Distrito para Redondela

O rexedor redondelano indicou, ademais, que “non vai permitir que se poña en risco a seguridade dos cidadáns” ante os posibles cambios propostos polos mandos da Comisaría.
Por o 25/04/2019 | Sección: Galicia,Redondela
Javier Bas esixe unha Comisaría de Distrito para Redondela

O alcalde Redondela, Javier Bas, reuniuse cos representantes do sindicato UFP da Policía Nacional, despois de terse reunido co resto de sindicatos e co Comisario da Comisaria de Vigo-Redondela para tratar a polémica xurdida ante os posibles cambios que afectarían ao persoal que presta servizo en Redondela.

O alcalde Javier Bas manifestou que “non vai permitir que ningún dos cambios perxudique ou poña en cuestión a seguridade e o bo mantemento da tranquilidade dos cidadáns, os recortes de Madrid non poden afectar a un servicio tan prioritario”.

Ademais, sinala que “non lle parece serio que os mandos policiais se neguen a entregar o informe solicitado a comezos de abril”. Bas responsabiliza disto directamente á Subdelegada do Goberno, Maica Larriba, “polo seu desprezo permanente a Redondela e por non dar as ordes pertinentes para que se elabore dito informe”.

“Unha vez máis, cando en Madrid goberna o PSOE, Redondela sae perxudicada”, declara o alcalde. Ademais, “esta subdelegada do goberno amosa un desinterese total pola seguridade da veciñanza en Redondela en relación á situación dos efectivos destinados na vila”, sentenciou.

O Concello de Redondela solicita que se paralice a restructuración do persoal adscrito a Redondela, e que se dote dun maior número de efectivos. Ademais, tamen demanda que a Comisaria de Vigo Redondela que teña un estatus equivalente á Jefatura Superior de Policía, o que suporía unha maior independencia e mellor funcionamiento para toda a área metropolitana.

Creación dunha Comisaría de Distrito para Redondela

Para Bas a mellor opción pasaría pola creación dunha Comisaría de Distrito en Redondela tal e como xa existen na comisaría de Vigo- Redondela as dependencias policiais de distrito en Travesas e no Centro de Vigo.

Neste senso, o rexedor sinala que esta medida suporía unha mellora e ampliación nos servizos que os corpos policiais prestan na vila.

  • Grupo de Atención ao Cidadán (GAC), dependendo da Brigada de Seguridade Cidadá de Vigo.
  • Grupo Operativo de Policía Xudicial (GOPJ), dependendo da Brigada de Policía Xudicial de Vigo.
  • Oficina de Denuncias e Atención ao Cidadán (ODAC), con capacidade para a tramitación de detidos.
  • Unidade UFAM. Unidade de atención a familia e de atención en casos de Violencia de xénero.

Outros servizos cos que debería contar a Comisaría de Distrito de Redondela sería un precalabozo para a estancia dos detidos ata o traslado aos calabozos da Comisaría de Vigo, así como unha Unidade de Protección e Control (UPC) para a custodia dos detidos e protección das dependencias policiais.

Esta Comisaría de Distrito para Redondela iniciaríase con 40 funcionarios o que suporía ter unha plantilla de xeito permanente que tería un mellor coñecemento do noso Territorio e dos nosos veciños, o que redundaría nun mellor e eficaz servizo de seguridade no noso Municipio.

“Para nós é esencial que os tempos de intervención ante calquera suceso no noso municpio sexan os axeitados”. Ademais, sinala o rexedor, “nos casos de Violencia de Xénero tense que actuar de forma moi rápida e dilixente, polo que se contamos cunha unidade na vila a intervención sería inmediata. Non hai que esquecer que Redondela é o cuarto municipio da Provincia de Pontevedra e, como tal, reivindicamos uns servizos que nos corresponden”.

Javier Bas tamén quixo facer unha especial mención á interinidade dos mandos policiais porque supón un continuo desaxuste e falta de liñas de actuación operativas.

“É inadmisible que en cinco anos pasasen ata cinco persoas polo posto de Comisario xefe. Esiximos que se remate xa coa interinidade do corpo policial”, sentenciou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.