Javier Dorado salienta a “transformación infraestructural que vai acadar Vigo nos vindeiros meses”

Publicado por o día 11/11/2014 na sección de Partido Popular,Política

Javier Dorado salienta a “transformación infraestructural que vai acadar Vigo nos vindeiros meses”

Con actuacións como a ampliación da ponte de Rande, o tren de alta velocidade, o novo hospital público, o saneamento da ría, o transporte metropolitano e a construción da Cidade da Xustiza

O deputado popular indicou que “temos que arranxar con urxencia os problemas de tráfico no acceso a Vigo, e vaise a facer coa ampliación da ponte de Rande e coa posta en marcha da autovía A-57”

O deputado do Grupo Popular Javier Dorado salientou hoxe no Parlamento a “transformación infraestrutural que vai acadar Vigo nos vindeiros meses coa ampliación da ponte de Rande, a chegada do tren de alta velocidade no Eixo Atlántico, a apertura do novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, o saneamento da ría, a posta en marcha do transporte metropolitano e a construción da Cidade da Xustiza”.

No debate dunha proposición de lei sobre a ampliación da AP-9, Dorado manifestou que “apoiamos a política clara da Xunta de Galicia respecto desta autoestrada: demandar o mellor servizo e a intención de asumir a súa explotación, do mesmo xeito que se ten solicitado a homoxeneización das peaxes a nivel nacional, porque un galego non ten porque pagar máis peaxe que outro cidadán español”.

REDUCIR AS AFECCIÓNS E O IMPACTO SOCIAL

“Temos que arranxar con urxencia os problemas de tráfico no acceso a Vigo, e vaise a facer coa ampliación da ponte de Rande e coa posta en marcha da autovía A-57”, concretou o deputado popular. Neste sentido, anotou que “estamos de acordo en que nas obras da AP-9 se reduzan ao máximo as afeccións e o impacto social” e recordou o compromiso da concesionaria Audasa para construír un novo colexio.

Javier Dorado acusou ao grupo de AGE de presentar unha iniciativa “puramente demagóxica na que se mesturan dúas cuestións que non son intercambiables: o investimento extraorzamentario que realiza a concesionaria sobre unha autopista que é titularidade do Estado coa dotación orzamentaria de dous servizos básicos como son a sanidade e a educación”. “Os recursos para a ampliación da ponte van saír da propia concesionaria e a sanidade e a educación son fundamentalmente gasto corrente da administración pública”, anotou.

“O gasto en sanidade e educación non se vai mellorar ou ampliar con iniciativas demagóxicas, porque xa son o 80 por cento do orzamento da Xunta para o vindeiro 2015, algo que é imposible atopalo en ningún outro Goberno da Xunta”, manifestou Dorado.

PRENSA GRUPO POPULAR GALICIA