01.06.2020. Javier Garat, secretario xeral da Confederación Española de Pesca (CEPESCA), presidente da Asociación das Organizacións Nacionais de Empresas Pesqueiras da UE (Europêche) e presidente da Coalición Internacional de Asociacións Pesqueiras (ICFA), continuará o ciclo de conferencias «Comprometidos co Medio e os Océanos», mañá martes 2 de xuño ás 19.00 h, co relatorio «Contribución da pesca aos océanos sostibles: a visión do sector pesqueiro internacional». Garat analizará o traballo actual e os plans de futuro da frota europea, no que se refire á actividade extractiva dos recursos mariños. A inscrición para esta sesión en directo de acceso libre e gratuíto, moderada por Javier Fraga, director de ABANCA Mar, pódese formalizar aquí.
Tras traballar en Bruxelas durante dous anos (1996 y 1997) no equipo de pesca do Servizo Xurídico da Comisión Europea e como asistente do Conselleiro de Pesca da Representación Permanente de España ante a Unión Europea, exerceu durante catro anos como avogado no despacho internacional de orixe holandesa Nauta Dutilh. En abril de 2001 incorporouse á Federación Española de Organizacións Pesqueiras (FEOPE) como secretario xeral. Actualmente é secretario xeral da Confederación Española de Pesca (CEPESCA), presidente da Asociación das Organizacións Nacionais de Empresas Pesqueiras da UE (Europêche) e presidente da Coalición Internacional de Asociacións Pesqueiras (ICFA), cargos que compaxina coa pertenza a outras moitas organizacións vinculadas co seu ámbito de experiencia e coñecemento.
COMPROMETIDOS CO MEDIO
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, impulsarán durante todo o mes de xuño un intenso programa de actividades de promoción da sostibilidade, con gallo da celebración do Día Mundial do Medio, o venres 5 de xuño, e do Día Mundial dos Océanos, o luns 8 de xuño. Estas datas son parte do calendario de Nacións Unidas, que ten por obxectivo concienciar á sociedade sobre a contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e neste caso chamar á participación con actuacións sobre o ODS13, «Acción polo clima», e do ODS14, «Vida submarina». O programa enmárcase no compromiso de ABANCA e Afundación a prol dun modelo sostible que permita contribuír ao equilibrio económico, social e ambiental da súa contorna, un compromiso os 365 días do ano para mellorar a sociedade e fomentar o desenvolvemento integral de todos os que formamos parte dela. A programación, que se pode seguir en directo no portal Afundación en casa, está dirixida a públicos de todas as idades e inclúe ciclos de conferencias, coloquios, exposicións, recreacións virtuais, talleres ou proxeccións, entre outros, co obxectivo de concienciar, mobilizar e unir ao redor da acción ambiental e a xestión sostible dos océanos.
Durante todo o mes, profesionais e profesores de prestixio no ámbito nacional e internacional, impartirán sesións virtuais gratuítas en vivo e en directo a través de conferencias, presentacións, coloquios e entrevistas. Así, tras o relatorio de Javier Garat, Nieves Cifuentes, responsable corporativa de Medio Ambiente e Sustentabilidade de Naturgy, abordará o 5 de xuño «Cara á enerxía do futuro: do homo sapiens á economía circular».
Ademais, baixo o epígrafe «Innovación para un océano sostible», científicos de diferentes áreas de investigación do Instituto Español de Oceanografía (IEO) ofrecerán a súa perspectiva sobre as ameazas ás que se enfrontan os océanos e as posibles solucións para unha mellor sustentabilidade desde un punto de vista ambiental e socioeconómico. Así mesmo, no coloquio «Mulleres do mar» ofrecerase a perspectiva de tres profesionais do sector: a presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca, Rita Míguez de la
Iglesia; a mariñeira e pescadora Jenifer Suárez Silva; e a responsable da área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR Vigo, Rosa Chapela Pérez. A inscrición para as distintas sesións en directo pode realizarse aquí.
A programación inclúe, tamén, a estrea da exposición virtual «O mar nas coleccións de arte ABANCA e Afundación». Integrada por 50 obras de 28 artistas que interpretan o mar e os océanos desde distintas perspectivas, móstrase, nun novo espazo, unha galería de arte virtual para o século XXI que ten como obxectivo presentar ao público as posibilidades das novas tecnoloxías aplicadas á arte e a cultura.
Por outra banda, en Afundación en casa e dentro deste programa «Comprometidos co Medio e os Océanos», poderase visitar un mapa interactivo que recrea virtualmente unha estimación, baseada en proxeccións de datos a escala global procedentes de estudos científicos, da elevación do nivel do mar en distintos puntos da península ibérica no ano 2100.
Así mesmo, o equipo do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, centro que tamén se pode visitar virtualmente, deseñou obradoiros para poñer en práctica en familia nos que se poderán facer tres experimentos: «Correntes mariñas», «Contaminación dos océanos» e «Choiva aceda». Igualmente, dentro do mesmo obxectivo didáctico e de concienciación que transcende a toda a programación, promoverase, con distintas accións de visibilización, un decálogo de boas prácticas que cada persoa de maneira individual pode implementar para coidar o medio ambiente e os océanos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.